«As cancións teñen que transmitir algo»

Ángela Precedo / B. C.

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Amigos dos músicos presenta hoxe en Martín Códax un repertorio no que mestura cancións propias con versións do folk-rock galego

17 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 22 horas • Adega Martín Códax (Cambados) • Entradas esgotadas • A formación ourensá, integrada por experimentados músicos, chega hoxe a Martín Códax (Cambados) para trasladar a herdanza do folk-rock galego a través dos seus acordes. Arcadio Nóvoa, un dos seus seis compoñentes, descúbrenos os segredos que definen a orixinalidade, a frescura e a personalidade desta banda.

-¿Como foron os comezos musicais do grupo?

-Somos de Ourense. Tocabamos en diferentes grupos, pero nunca xuntos. A raíz dun concurso que realizaba Agal, sobre poemas de Carvalho Calero musicados, fixemos unha adaptación de «Orquesta filharmónica de Osaka». Entón foi cando se empezou a consolidar o grupo.

-¿De onde provén o nome Amigos dos músicos?

-Todos somos bos amigos e coñecemos a moitos músicos. A amizade é algo importante dentro deste grupo, por iso nos gustou o nome.

-¿Cal é o obxectivo e o espírito da vosa música?

-O noso espírito baséase en facer cantigas. As cancións teñen que transmitir algo e contar cousas interesantes. Iso é o principal, ademais de pasalo ben e dar concertos.

-¿En que outras formacións tocades profesionalmente?

-Jaime Mateo, cantante e batería, toca tamén en O Sonoro Maxín, xunto con Druso, teclista, que está sacando o seu proxecto en solitario. Daniel Alonso, guitarrista, foi cantante dos Blood Filloas, grupo de fene de Ferrol de gran sona nos 90. Álvaro Rivera, Raúl Diz e máis eu estivemos en Niño y Pistola.

-¿Tendes máis temas de creación propia ou versións?

-O 90 % das cancións son propias, xa que nos gusta compoñer. Tamén é certo que traballamos con material alleo, como os poemas de Carvalho Calero. E facemos versións doutras cancións, como «O maio», de Batallán.

-¿Cantos discos están dispoñibles no mercado?

-Temos un. Sacamos o noso primeiro disco en outono, co sinxelo «Todo medre» como canción representativa e lema da banda. «O Maio», unha versión da canción orixinal, tamén ten moi boa acollida.

-¿Como afrontades o concerto desta noite en Cambados?

-Temos moitas ganas. Intentamos entrar o ano pasado no ciclo de concertos, pero puxémonos en contacto coa organización tarde. Este ano, fomos case a primeira banda en pechar contratación. O evento está moi ben coidado, o sitio e magnífico e sempre se venden todas as entradas. Estamos entusiasmados.