Treixadura, Leilía e Xurxo Souto, na festa de Xironsa

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS

CAMBADOS

Será o 25 e 26 de agosto en Cambados

10 ago 2017 . Actualizado a las 20:09 h.

A asociación Xironsa volverá encher de música Corvillón (Cambados) o último fin de semana de agosto. O días 25 e 26 celebrase unha nova edición, e van dezasete, dunha festa na que a música, a gastronomía e a tradición van da man. Arrincará o venres co serán, no que participará a asociación cultural Penaguda, e continuará o sábado desde a unha da tarde coa sesión vermú a cargo de Abóbriga. A mediodía terá lugar o xantar, ao que o ano pasado acudiron 460 persoas, que ofrecerá o típico menú con empanada, churrasco e doces. O prato custa 15 euros para os adultos, oito para os menores de trece anos e é gratis para os nenos de menos de seis anos. Os interesados poden reservar praza chamando ao teléfono 645 827 205 ou a través de varios establecementos do municipio. Este ano, no recinto da explanada da Seca (Corvillón) vaise acotar unha zona familiar na que haberá xogos tradicionais para os cativos e actuacións de maxia e circense. Xa pola tarde arrincarán os concertos a cargo de Xurxo Souto, Cuarteto Caramuxo, Blues do país e O sindicato da verbena. Pola noite, subiranse ao escenario O sonoro Maxín, Treixadura, Leilía, Boudebou Gaiteiros, Xironsa e rematarase cunha sesión picadiscos. Para quen queira facer noite en Corvillón, Xironsa habilita unha zona de acampada de balde. Tamén haberá unha feira artesá, pasarrúas e, este ano por primeira vez, tamén pictogramas para sinalar os lugares de interese da festa, nunha clara aposta da asociación Xironsa pola inclusión, segundo explicou o seu presidente, Liso González.

Tanto o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, como o concelleiro de Cultura de Cambados, Víctor Caamaño, destacaron durante o acto de presentación celebrado esta mañá no Concello cambadés a importancia deste tipo de actividades para manter viva a tradición e a cultura galegas. “É unha obriga moral e ideolóxica traballar pola cultura galega», subliñou Caamaño. Ambos organismos colaboran coa organización do festival de Xironsa, así como a Consellería de Cultura.