Sesenta desempregados recibirán formación este ano nos tres obradoiros de emprego condedidos á Mancomunidade do Salnés e a Valga

Vilagarcía LA VOZ

CAMBADOS

Ao habitual de hostalería súmanse disciplinas de tecnoloxía, xardinería, albanelería e carpintería

27 jul 2017 . Actualizado a las 18:44 h.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís presentou esta mañá a concesión, por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de dous novos obradoiros de emprego para a Mancomunidade do Salnés, un destinado á hostalería e outro a xardinería e xestión de redes, e outro para Valga compartido con Moraña de albanelería e carpintería.

«Hostalería do Salnés IX» favorecerá a un total de vinte desempregados e estará destinado á súa formación en labores de cociña e restaurante-bar. Terá unha duración de nove meses, cun investimento procedente da administración autonómica de case 280.000 euros. A Mancomunidade destinará este obradoiro a formar e preparar a profesionais que aprenderán a organizar xornadas de degustación de pratos típicos galegos, nove xornadas gastronómicas de pratos típicos do Salnés, xornadas de alta gastronomía, a difundir a cociña típica do Salnés e a preparar pratos elaborados para o comedor social de Cáritas. Como en anos anteriores, os alumnos tamén colaborarán coa asociación Afasal.

Por outra banda, «Salnés Tecnolóxico e Medioambiental» centrarase no eido da xestión de redes en dotar as zonas públicas rurais dunha rede de comunicación, mentres os alumnos de xardinería traballarán para mellorar e recuperar entornos degradados pola carencia de actuacións de mantemento, deseño de xardíns non acordes co entorno e mellorar a imaxe dos catro concellos participantes (Meis, Ribadumia, Meaño, Vilanova de Arousa). Este obradoiro contará con vinte alumnos e 280.000 euros de investimento. Os alumnos iniciarán a implantación da instalación de telecomunicacións con fibra óptica en lugares públicos das zonas rurais dos concellos e porán en marcha plans de recuperación, conservación e mellora de xardíns, áreas recreativas e os respectivos contornos de titularidade municipal.

Cores Tourís tamén presentou esta mañá un novo obradoiro de emprego no que participan conxuntamente Moraña e Valga, que formará a un total de vinte desempregados nas especialidades de albanelería e carpintería. A Xunta de Galicia aporta 280.000 euros para financiar esta acción formativa, mentres que as dúas administracións locais sufragarán os materiais para as obras que os alumnos levarán a cabo nos respectivos municipios. No caso de Valga, acometerán traballos de acondicionamento no interior do novo edificio administrativo que o Concello está a construír na praza Manuel Vicente Cousiño.

O delegado territorial recordou que a Xunta vén de resolver a convocatoria deste ano dos obradoiros do emprego nos que investirá vinte millóns de euros, «un dez por cento máis que o exercicio anterior, para aumentar as oportunidades laborais de 1.600 galegos desempregados», segundo subliñou Cores Tourís. En total poranse en marcha 83 programas, 23 deles na provincia de Pontevedra por un importe de 5,5 millóns de euros a través dos que 425 beneficiarios recibirán formación e un contrato de traballo.

Unha vez resolta a convocatoria, agora procederase á selección dos alumnos e alumnas a través das oficinas de emprego. Terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Estímase que os obradoiros comecen no mes de setembro.

No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.

Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade.

Na presentación dos obradoiros do Salnés estiveron presentes este mediodía xunto con Cores Tourís, o presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán, e do xefe territorial de Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.