Un emblema esculpido en Arousa

O símbolo usado por Castelao para crear o escudo galeguista provén de familias señoriais da ría


ribeira / la voz

É complicado atopar a un galego que lle resulte alleo o emblema que Castelao reproducira e que logrou agrupar á esquerda galeguista e nacionalista, representándoa en torno a esa revolucionaria frase de «Denantes mortos que escravos» e que rodea a unha serea. Sen embargo, moitos preguntaranse cál é a historia desa mítica personaxe mitolóxica e da vinculación que mantén con Galicia. Esta provén da heráldica de varias familias señoriais que estiveron asentadas aos dous lados da ría de Arousa, un anaco da tradición que perdura nos nosos días gravada na pedra de pazos e igrexas deste territorio.

Os apelidos aos que se lle debe a orixe deste escudo e que levan aparellados a serea á tradición familiar correspóndense cos Mariño e cos Mariño de Lobeira, con abundantes propiedades nas comarcas de Barbanza e do Salnés, o que acabou por deixar unha pegada constante desta personaxe mitolóxica nas principais vilas mariñeiras, que o historiador e director do Museo Valle-Inclán de A Pobra, Antonio González, acerta a describir afirmando que, sen ningunha dúbida, «a serea é a señora das Rías Baixas».

O antecedente máis antigo que González atopou na zona descansa no conxunto escultórico da fachada de Torre Bermúdez, concretamente do ano 1540 -hai outro do s. XVIII no pazo do Couto-. Nos dous medallóns superiores aparecen representadas un sereo e unha nereida, que no pasado chegaron a ser documentadas a través dos debuxos de Carlos Bayón e que o creador do esperpento recolle a través da referencia a unha lenda nas Comedias Bárbaras.

Non obstante, o responsable desta sala de exposicións apunta que se trata dun símbolo que xa conta con casos anteriores, como por exemplo «o máis emblemático», que se atopa no pórtico da fachada de Praterías da Catedral de Santiago, tras ser trasladado da de Acibechería no s. XVIII, tal e como recolle o Códice Calixtino.

Sen límite xeográfico

As representacións das sereas espállanse por todo a contorna con varios puntos esenciais. En Pontevedra identificáronse casos en Cuntis, aínda que o máis coñecido é o do pazo de Fefiñáns en Cambados. En Ribeira atópanse mostras no pazo urbano de Otero Goyanes, na súa fachada e nos detalles das vidreiras.

É necesario destacar os casos boirenses, con especial incidencia no pazo de Goiáns onde se asentou unha póla familiar dos Mariño -no xardín traseiro queda en pé unha estatua deteriorada- e na igrexa de Santiago de Lampón. Precisamente, esta última ten especial relevancia por contar con ata tres sereas que se atopan no friso da portada principal, na parte traseira e no retablo maior do interior.

O caso rianxeiro tamén é fundamental, xa que entronca coa familia dos Torrado, que á súa vez gardan parentesco cos Mariño. A investigadora Natividad Rey sitúa varias sereas neste municipio, como é a do pazo de Asados e posteriormente coa capela dos Desamparados en Brión, na parroquia de Leiro, ambas pertencentes a esta familia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Un emblema esculpido en Arousa