«A cooperación territorial mellora a vida dos cidadáns»

CAMBADOS

MARTINA MISER

Cambados será o centro dun seminario internacional

08 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 8 ao 10 de xuño • Exposalnés (Cambados) • Entrada libre • Cambados acolle o Seminario Internacional sobre Cooperación Transfronteiriza, no que profesores e expertos na materia falarán das experiencias de cooperación territorial no mundo, tamén da que fixo posible que a vila fose elixida Cidade Europea do Viño 2017. O concelleiro de Cambados e profesor na Universidade de Vigo Tino Cordal é o coordinador dunhas xornadas que abordan unha temática que coñece ben, tendo en conta que é o secretario da Rede Europea de Cooperación Territorial. Este fenómeno xa ten un longo percorrido no norte de Europa; aos países do sur chegou unhas décadas despois, nos anos oitenta, e aínda habería que agardar ata 1991 para que se constituíra a eurorrexión de Galicia-Norte de Portugal, segundo explica Cordal. Na súa opinión fíxose un camiño importante, pero aínda queda moito por andar, sobre todo no que atinxe a habilitar fórmulas para que os concellos pequenos tamén poidan acceder aos proxectos europeos igual que as grandes cidades.

-¿Máis aló das expectativas dos expertos, que pode ofrecer este seminario ao público en xeral?

-Penso que a xente pode achegarse para comprobar como funciona unha eurorrexión e como a cooperación mellora a vida dos cidadáns en moitos servizos: educación, sanidade, transporte, economía, deporte, cultura… A xente vai comprobar como se van desenvolvendo as distintas experiencias que hai en marcha, como a que existen no País Vasco e Aquitania, Cataluña e os Pirineos ou no mar Adriático. Trátase de ver non só as estruturas das eurorrexións senón tamén como se plasman na vida dos cidadáns.

-¿Non cre que este fenómeno da cooperación territorial quédalle a xente algo lonxe?

-Trátase de achegalo a xente. Aí temos a designación de Cambados como Cidade Europea do Viño. Iso foi posible porque existe unha rede de cooperación internacional transfronteiriza que é Recevín. As redes de cooperación prodúcense en distintos sectores e todo o que é o marco da cooperación transfronteiriza contribúe a mellorar os servizos da cidadanía.

-¿Estase aproveitando ben este recurso?

-A min gustaríame ir máis aló, canto máis avancemos mellores prestacións poderán desfrutar os cidadáns. En materia sanitaria temos os casos de Chaves e Verín, e Valença e Tui, pero na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal temos pendente o tema da mobilidade. En materia de cooperación cultural e universitaria si se están a facer cousas, pero no ámbito das comunicación non acabamos de asentar accións comúns. Imos retrasados en materia ferroviaria e tampouco temos coordinación en materia portuaria. Penso que esa é a principal eiva na cooperación transfronteiriza con Portugal.