«Queremos facer unha ruta turística polo Cambados mariñeiro»

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Outros proxectos son a creación dun museo flotante no peirao antigo e repetir os cursos de navegación a vela

08 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Club Mariño Salnés segue navegando. Vai para as dúas décadas que un fato de cambadeses decidiron seguir os pasos que marcaban desde A Illa de Arousa e sacaron as dornas ao mar. Primeiro a Julicheira, logo a Muller de Balboas, pouco a pouco conseguiron que as velas volveran cruzar entre Tragove e A Toxa. Os precursores, Xaquín e Fernando, deron paso a xente nova. Desde o sábado, unha muller preside o club, e colleu o temón con forza e ilusión. «Animo a todo o mundo a unirse a nós», di.

-¿Como chega unha historiadora ao mundo das embarcacións tradicionais?

-Cando volvín a vivir a Cambados, despois de terminar os estudos, souben da existencia do club a través duns amigos e como historiadora da arte sempre tes interese polo patrimonio e o seu coidado. É un mundo moi rico e meu pai era mariñeiro...

-Habendo esa estreita relación entre Cambados e o mar dá a sensación de que a maior parte da xente vive de costas á realidade das embarcacións tradicionais...

-Si, pero moitas veces é por descoñecemento e porque non se lle dá o valor que ten. De tódolos xeitos cada vez hai maior interese por recuperar este patrimonio. Hai moita xente que non pode vir navegar e está como socio no club e xente que sen ser socio amosa interese polo que facemos. As dornas aínda permanecen na memoria colectiva dese Cambados mariñeiro.

-O proxecto estrela do club é a creación dunha mariña tradicional, ¿en que consiste?

-É unha iniciativa na que participan as outras asociacións de vela tradicional (A Torre e As Goritas), o Concello e Guimatur, co que se pretende dar a coñecer este patrimonio cultural, recuperando o peirao antigo de Cambados para reconvertelo nun lugar de exposición do patrimonio marítimo, facer case un museo flotante.

-¿Algún outro proxecto para este ano?

-Queremos volver a realizar cursos de vela tradicional como os do verán pasado, que tiveron moito éxito, e fomentar o turismo mariñeiro cunha ruta a pé e polo mar, navegando, polo Cambados mariñeiro. O noso proxecto é crecer como club, facer unha reestruturación, traballar de xeito máis coordinado e facernos con máis embarcacións. Tamén nos gustaría facer obradoiros de carpintería de ribeira.

-Porque a vela tradicional é moito máis que navegar, hai que ter a punto os barcos e iso é menos grato ¿non?

-Navegar é marabilloso pero aprender a coidar e restaurar unha dorna tamén é moi bonito, aínda que precisa un traballo durante todo o ano.

-¿É a cultura mariñeira un recurso turístico, e por tanto económico, por explotar?

-Si, quizais poida ser un recurso económico no futuro pero para iso ten que haber unha maior implicación de moitas partes.