«É bo que veña tanta xente a Cambados, o malo é que o coñezan só polo Albariño»

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O académico recibe como unha «honra e un premio» poder inaugurar unha festa que viu nacer

02 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Fernández Rey, Paco para os amigos, abre mañá a 64 edición da Festa do Albariño de Cambados. As 13.00 horas, o académico cambadés subirá ao balcón do consistorio para dar o pregón da festa que máis quere. «Nunca pensei que se podía dar unha situación así, e menos a min, porque ata o ano pasado os pregoeiros sempre foron xente máis mediática. Cando me chamou Víctor [concelleiro de Cultura] quedei noqueado», explicaba onte.

-¿E como afronta a encomenda?

-É unha honra, é un premio inmenso, non podes dicir que non. Eu vin nacer esta festa a nivel popular porque se celebra nas rúas e nas prazas onde me criei, polas que sigo pasando todos os días. É un compromiso e un reto insólito. Nunca me enfrontei a un reto así.

-Pero se discursos en público xa leva vostede uns cantos...

-Si, cando me deron no 2005 a Folla de Prata na Gala do Albariño tiven que falar en Fefiñáns, pero era de noite, vías pero no vías. É unha responsabilidade tendo en conta que hai unha restra de pregoeiros da festa da máxima altura literaria e grandes galeguistas. Non só Cunqueiro, tamén Celso Emilio, Pedrayo, Manuel María ou Beiras.

-¿Pode adiantar algo da súa homenaxe ao albariño?

-Deille moitas voltas, é tan difícil dar co punto... Isto non é un discurso de entrada na academia nin é unha conferencia. Un pode falar de como un ve Cambados, de como o recordo, aínda que a memoria poida ser traizoeira. Neste senso lle debemos moitísimo a Cunqueiro. A Cabanillas tamén, por suposto, Cambados está no mapa por Cabanillas e aí temos o seu poema sobre o espadeiro, pero cando falamos do albariño, con Cunqueiro temos unha débeda inmensa. Fixo moito por difundir a vila de Cambados, é normal o seu pai era de aquí, e sobre todo o albariño. Lembro como con doce ou catorce anos miraba coa boca aberta as catas, que antes eran públicas. Chocábame ver alí ao párroco, por exemplo.

-¿Gañou ou perdeu a festa ao longo dos anos?

-Eu vina cando non era nada, cando era só un xantar. Logo foi cando sacaron os tablóns para A Calzada e era aínda unha festa moi modesta, fíxate que coincidía coa Pastora. É lóxico que acabara sendo o que é porque pasouse de haber moi poucas hectáreas de albariño a haber miles. De ser un viño da minoría pasou a ser dunha maioría. Esta é agora unha festa inmensa, desproporcionada, en función dese desenvolvemento económico do viño. Perdeu o encanto de antes, da época dos alcaldes Fole e Pillado, masificouse, perdéronse moitas cousas. Que queres que che diga..., cheguei a sentir moita angustia. O bo que ten agora é que é unha riqueza, sen entrar en consideracións políticas dos nomeamentos dos cabaleiros. Esas cuestións tiveron un valor mediático e axudaron a poñer o nome de Cambados nos medios e a popularizar o albariño, iso é innegable. Son os sinos dos tempos. Buscas atraer milleiros de persoas para que consuman viño e produtos culturais. E paréceme ben a diversificación que se fai este ano levando os actos por todo Cambados. É bo que veña tanta xente a Cambados o malo é que moita xente coñece Cambados só polo Albariño. Convén vir a Cambados en calquera outro momento para apreciar a súa beleza paisaxística, os diferentes solpores, subir á Pastora ou deixarse aboiar por rúas preciosas como a de Hospital ou a praza de Fefiñáns.

-¿Como se leva co albariño, bébeo por pracer ou só cando toca?

-Bebo bastante albariño, do Salnés por suposto. Cando era pequeniño bebía tinto con gasosa, o albariño era unha cousa para señoritos. Por sorte popularizouse e xa forma parte do ADN de todos nós. E hai albariños moi bos.