O artesán que fixo unha escola, por Ernesto Falcón

Ernesto Falcón

CAMBADOS

07 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Teto foi un gran ciclista, de familia ciclista, un gran director, un amante do ciclismo, ademais dun amigo. O ciclismo leva 50 anos moi vivo en Cambados grazas ao impulso de Teto. No ano 1973, cando eu era vicepresidente da Sociedade Cultural de Cambados, acordamos crear o Club Ciclista Cultural Cambadés, o que hoxe se coñece como C.C. Cambados por ser máis cómodo de dicir. Pero xa entón levaba Teto uns dez anos reunindo a rapaces que preparaba para competir. Como Jaime Roma, Ramón Montero, José Luis Padín, o pontevedrés Ricardo Portela, ou o seu fillo Modesto, que corrían co nome de Restaurante Mar de Arousa. Logo virían o Fico, o Fico Riego Lomba, e o Cesantesa Riego Lomba, que con Teto e comigo de directores, chegou a ser o mellor equipo amateur de España entre 1976 e 1980, e polo que pasaron Álvaro Pino, José Teixeira ou Fabián García.

Como director deportivo era un can vello. Sabíaas todas. Xa pasara as que pasara como corredor nos anos 40 cos seus irmáns, cando só xente cunha grande afección coma el era quen de manterse. Tiña unha intelixencia innata para o ciclismo que usou no seu taller, aplicando materiais e ideas novidosas, o que lle valeu para facerse famoso en España. Como persoa era encantador, e o seu taller sempre estivo aberto a todo aquel que practicara ciclismo. Alí a xente non ía amañar a bicicleta, ía pedir consello, mesmo despois de pechar o taller por xubilación. Como Gustavo César Veloso. Teto, como Horacio Barros, é unha referencia na historia do ciclismo galego. Dedicándolle a súa vida sen levar un peso.