Castrelo, as vodas de prata dunha parroquia co fútbol

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Un equipo de veteráns do máis familiar, inmerso nun proceso de volta ás orixes

04 nov 2015 . Actualizado a las 12:58 h.

O 16 de outubro de 1990. Así se arranca Dionisio Muñiz González cando se lle pide que nos conte do Castrelo C.F. Un club que vén de celebrar as súa vodas de prata lonxe do seu mellor momento no deportivo, pelexando por saír da Cuarta e derradeira categoría das Ligas de Fútbol Veterán de Pontevedra, pero que pode presumir de avanzar con paso firme no desexado camiño de regreso ás súas orixes. Ás dun conxunto pensado para reunir a afeccionados da parroquia cambadesa do mesmo nome co único fin de «pasalo ben» unha vez por semana detrás, ou diante segundo cadre, dun balón.

Despois de varias tempadas nas que sobraban os dedos dunha man para contar os veciños de Castrelo no equipo, Dionisio Muñiz comeza a ver os froitos da aposta de renovación coa que hai cinco anos asumíu o cargo de delegado, o home para todo nos equipos de fútbol veterán. Hoxe, dos 24 xogadores do conxunto da vila do albariño, 17 son da parroquia.

Aos seus 37 anos, con oito no equipo en calidade de futbolista, Dionisio recolleu o legado do seu pai Víctor. O responsable de que 25 anos atrás Castrelo contase co seu equipo nunha Liga moi lonxe do que é agora, con só dous grupos -polos sete da actual-. A construción do campo de fútbol no lugar levou o proxenitor a fundar o club que vén de celebrar as súas vodas de prata coa competición de veteráns. Cun primeiro ano dedicado exclusivamente á busca de xogadores e dalgún patrocinador, toda vez que xa non dera tempo a iniciar o torneo na campaña 1990/91.

Co tristemente desaparecido Ramón Fontán, o que fora tamén delegado do Juventud Cambados ata o seu pasamento hai catro anos, coma segundo responsable do Castrelo C.F., José Salgueiro, curmán da nai de Dionisio, precedeu a este no cargo de delegado do cadro de veteráns, que Dionisio comparte hoxe cun cuñado. Un equipo cun marcado corte familiar que vive un proceso de renovación, con só tres futbolistas maiores de 40 anos. O obxectivo, camiñar, sen presa pero sen pausa, de volta á Primeira, a máxima categoría á que o Castrelo deu ascendido en cinco ocasións, logo de encadear tres descensos e outras tantas tempadas na Cuarta División (Grupo A). Reverdecer vellos tempos de gloria, como cando na primeira época, a de Víctor, o Castrelo C.F. conseguira superar unha sanción de -6 puntos na primeira xornada por aliñación indebida dun xogador sancionado a Liga anterior, para rematar dando o salto á división de honra como campión.