O Xuven cae 98-77 en Porto mellorando as súas prestacións

vilagarcía / la voz

CAMBADOS

O técnico do cadro cambadés salienta o crecemento defensivo do equipo, que non cedeu en cada cuarto máis de 6 puntos ante un dos grandes do baloncesto portugés

24 sep 2015 . Actualizado a las 05:10 h.

O resultado final encaixado onte en Porto polo Xuven de Miguel Ángel Hoyo, 98-77, dá boa medida do notable rendemento cambadés. Porque se en condicións normais unha derrota de 21 puntos debería facer pensar o contrario, a condición do conxunto de Moncho López de candidato ao título na máxima categoría portuguesa, e os 42 puntos de diferenza que lle sacou o Porto ao Oviedo de LEB Plata o pasado día 12 din o contrario.

Outro dato que resalta o nivel amosado polo Xuven en Portugal son as diferenzas de 5 a 6 puntos polas que cedeu cada cuarto: 23-18 o primeiro, 28-23 o segundo (51-41 no marcador ao descanso), 22-16 o terceiro (73-57) e 25-20 o derradeiro período. E todo, coa sensible baixa do pívot Michel Diouf, que quedou en Cambados por mera precaución logo de recibir o martes un golpe nun xeonllo.

Miguel Ángel Hoyo amosábase onte «contento, porque competimos ben. Demos un paso adiante na nosa defensa, que era algo que lle estaba a pedir ao equipo».

O único pero do técnico amarelo á actuación do seu coletivo, os problemas amosados no rebote defensivo. Claro que tamén aquí hai que facer fincapé nas circunstancias manexadas polo Xuven. Non en van, e a falta de estatísticas na man, Hoyo calculaba en preto das 20 o número de triplas transformadas polo Porto. «Eles fixéronnos moito dano no lanzamento de tres. Calquera erro noso castigábano con triplas». E se os homes de Moncho López erraban, a estratexia lusa «obrigábanos a abrir moito a nosa defensa», co que o Porto conseguía castigar o rebote defensivo arousán e dispoñer de numerosas segundas opcións.

Con todo, «estou contento co traballo de todos», dicía Hoyo camiño de volta a Cambados, logo dun partido no que avanzou na súa filosofía de «repartir moito os minutos entre todos», aprezándose unha notable evolución de Max. Evolución que deberá continuar o sábado fronte ao Vitoria de Guimaraes no Trofeo do Albariño.