Unha sentida homenaxe a Luís Rei

R.E.

CAMBADOS

monica ferreiros

A praza do Concello de Cambados foi escenario este mediodía dun acto tan sinxelo como cargado de emoción

11 ago 2015 . Actualizado a las 18:49 h.

"Camiño, camiño longo, camiño da miña vida". Con eses versos de Ramón Cabanillas rendíuselle tributo hoxe, en Cambados, á memoria de Luís Rei. Á doce e media, coas bandeiras a media asta, representantes de todos os grupos da corporación, ducias de traballadores municipais e veciños de todas as cores e tendencias congregáronse ás portas do Concello para lle dicir adeus ao que durante anos foi o técnico municipal da vila, o bibliotecario de todos, o máis grande e mellor estudoso do Poeta da Raza. Así que, para despedilo, non podía haber nada mellor que uns versos de Cabanillas. "Camiño, camiño longo, camiño da miña vida.Escuro e triste de noite, escuro e triste de día". 

No Grove, a terra de Luís Rei, as bandeiras tamén ondean a media asta. A corporación fixo público esta mañá un comunicado de pésame polo pasamento "dun referente" cultural do municipio e anunciou que se prepararán actos de homenaxe na súa memoria.