Na morte de Luís Rei

Emilio Ínsua PROFESOR E ESCRITOR

CAMBADOS

11 ago 2015 . Actualizado a las 22:11 h.

Amorte de Luís Rei golpéanos o corazón e énchenos de bágoas os ollos, mais cómpre non deixar de dicir nesta hora, non por agardada menos amarga, canto de inmenso foi o cariño que o rodeou nas últimas reviravoltas do seu camiño e que excelente e impagable resulta o legado que nos deixa. Luís foi, desde adolescente e ata hoxe, un político honesto, comprometido, entregado á causa dos menos poderosos e á reivindicación da nación negada pero sempre viva.

A cultura galega en xeral e a do Salnés en particular tivo nel un paladín xeneroso, entusiasta e incansable. Dedicou anos de esforzo a estudar a figura de Ramón Cabanillas, escribindo unha biografía brillante e definitiva sobre o autor de Vento mareiro e divulgando constantemente as marabillas da súa obra. Loitou igualmente pola recuperación da cultura marítima, organizando encontros, montando exposicións e pilotando a revista Ardentía, que garda para sempre nas súas páxinas as súas lúcidas reflexións sobre o mar que tanto amou porque nese mundo ten raíces ben fondas a súa estirpe. Divulgou en artigos e traballos espallados en toda caste de revistas numerosos aspectos, anécdotas, feitos históricos e personaxes do seu Salnés, moi particularmente de Cambados e O Grove. E, por se todo isto non abondase, despregou durante décadas, en constante diálogo cunha lexión de persoas da cultura e do ensino que acabamos absolutamente prendados del, do seu talento e da súa capacidade, todo o seu bo facer como técnico cultural na vila do albariño, enchéndoa de teatro, música e arte. Desde hoxe, un baleiro inmenso ábrese nas moitas almas que tivemos a sorte e o privilexio de compartir de perto con Luís o seu paso pola vida, mais tamén resultará desde hoxe o seu nome evocado, para todos nós, unha bandeira limpa e fresca para seguirmos loitando por todas as causas nobres que el propio defendeu. Descansa en paz, camarada, inmenso amigo, ¡irmán!