A enerxía inmortal de Luís o Trosko

Rosa Estévez
rosa estévez O GROVE / LA VOZ

CAMBADOS

O grovense, «erudito, político e axitador cultural», deixa unha fonda pegada no Salnés

11 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«Eu quería gañar». Luís Rei falaba así hai uns meses, o día antes de recibir dos libreiros de Cambados o premio Ramón Cabanillas. Rememoraba a súa vida política, na que sempre lle tocou estar no bando dos «derrotados numericamente». Podería ter envolto a súa viaxe polo mundo do nacionalismo de esquerdas na lírica dos grandes perdedores, ou na épica de Brave Heart. Pero iso non ía co carácter dun home que se recoñecía «un pouco chulito». Un home brutalmente honesto, capaz de dicir non mesmo aos seus. Descarnadamente sincero, tamén consigo mesmo. Extremadamente sensible debaixo do seu verniz de tipo duro de película. Infinitamente utópico, eterno soñador (e facedor) de mundos mellores.

Se Luís tivese que dar a nova do seu pasamento, a bo seguro que non se andaría con rodeos. «Luís morreu». Finou de madrugada, logo dunha longa enfermidade que non foi quen de vencer o seu humor, esa retranca vital e combativa que despregaba en calquera lugar. Morreu, pero non será fácil de esquecer. Porque mentres estivo vivo, viviu. Soubo estar nos lugares precisos nos momentos xustos. Soubo falar cando tiña que facelo. Quizais non sempre foi quen de calar a tempo -a rapidez do seu verbo feroz pesoulle nalgún momento-, pero nunca dubidou en marchar cando chegaba a hora.

Antón Mascato, amigo íntimo de Luís, tecía onte unha biografía de urxencia da traxectoria pública deste «erudito, político, axitador cultural», segundo o definían os seus amigos. «Primeiro foi a intervención política, sempre na órbita do nacionalismo de esquerdas, dotado de argumentos, dialéctica e afouteza, digámolo sen reparos: foi brillante e duro cos rivais, aos que deixaba sempre desarmados, pero non quixo engolear as rodas de muíños que lle botaban algúns dirixentes cegos e medoñentos dos que non precisan do pesebre; veu logo o activismo cultural, xa con praza de técnico municipal integrado no colectivo Land Rover, eficiente, bo programador, excelso organizador e discreto bibliotecario, máis ben dado a rifarlle aos barulleiros estudantes. A seguir centrou o seu esforzo intelectual na recuperación do patrimonio marítimo material e inmaterial, e na Revista Ardentía, nos Encontros de Embarcacións fuxindo daquela parte máis virada ao consumo de ?estrellasgalicia?; e aínda tivo forzas para levantar da lousa do esquecemento ao poeta Ramón Cabanillas, a quen lle dedicou a máis portentosa crónica novelada de cantas coñecemos na literatura europea».

A Luís, xa o ven, a vida deulle para moito. Deulle, sobre todo, para aprender que «as cousas que sabes son relativas. Hai que poñer as cuestións en cuestión, hai que ter dúbidas. Pero hai que ter tamén uns criterios e defendelos, cada un co seu carácter, e o meu non é débil», confesaba hai sete anos nunha entrevista. O seu rumbo tívoo claro dende que era «un mociño deslinguado e cun porte algo abravado, armado de ideas de rebeldía apañadas nas lecturas do ucraíno Lev Trotski», segundo o recorda Antón Mascato. Daquela, foi bautizado polos mecos como Luís o Trosko. Hai uns meses, o noso home lembraba con orgullo apenas disimulado ao rapaz que foi. Del quedaba, dicía, todo o importante. A paixón pola democracia «de verdade», pola terra, polo mar. A paixón pola loita. As ganas de gañar. O eterno sorriso.

obituario luís rei núñez

Unha marcha chorada no mundo da cultura, da política e do activismo

Dende primeira hora da mañá, cando a nova do seu pasamento se fixo pública, as mensaxes de homenaxe a Luís Rei sucedéronse sen parar. Nas redes sociais, a súa imaxe repetiuse ata o infinito, acompañada de sentidas palabras. Veciños do Grove, amigos do mundo da cultura, camaradas de batallas políticas, quixeron amosar a súa dor pola perda deste home caleidoscópico, que sabía tanto «de baipases de tuberías» como da boa literatura e o mellor teatro. Xosé Manuel Beiras, Xan Caneda e unha inabarcable lista de nomes sumáronse a unha homenaxe pública que hoxe tomará corpo en Cambados. Nesta vila, un dos dous territorios vitais de Luís, gardarase hoxe un minuto de silencio na súa memoria. Será as doce e media na praza do Concello. Tamén dende o Colectivo Ecoloxista do Salnés quixeron facer público o seu desconsolo polo pasamento de quen fora o seu primeiro presidente. «Luís plantou a semente do CES e doutras iniciativas que seguen a dar froito na actualidade, o que non é estrano sendo unha persoa coma el foi, repleta de inquietudes, cun discurso acertado e vivaz que convencía e divertía».

Luís será enterrado hoxe as 18.30 horas no Grove.