Carta aberta na despedida

BNG de O Grove

CAMBADOS

11 ago 2015 . Actualizado a las 22:10 h.

Moito che debemos Luís, no persoal e no político. Sempre tivesches un bó consello que dar, pois foches un manancial inmenso de sabedoría. Eras un intelectual que fuxía da seriedade gris para irradiar coñecemento, con retranca e un finísimo humor, eso te distinguía dos demáis. Cánto nos divertiches e cánto nos ensinaches. Unha dialéctica dificícil de superar. Qué responsabilidade entón falar de ti nestes difíciles e tristes intres para quenes compartimos contigo parte da túa vida política. Lonxe queda a década dos 90, onde deixaches unha pegada inesquécible no partido e, sobre todo, na corporación co teu cargo de concelleiro man a man con Manolo Mascato. Moitos momentos que lembrar, moita aprendizaxe ó teu lado tamén. Aportaches sensatez ao BNG nun momento en que a precisaba, e todos os que tivemos o pracer de compartir traballo, cafés, plenos, ou sequera algunhas verbas contigo sabemos que moito tivesches que ver na evolución do partido e tamén no nacimento de Galiza Nova, que naqueles anos daba os seus primeiros pasos no pobo. Aportaches un nivel e unha honestidade política moi altas, dos que nunca che estaremos suficientemente agradecidos. 

Foches o máis coñecedor da historia política e social da nosa vila. Lembran por aquí que se houbera que definirter con algún adxectivo sería o de imprescindible entre os imprescindibles no panorama político, artístico e cultural alén de Ogrobe e do Salnés. Pero, se dende logo hai algo que destacar de ti, é que eras unha persoa respetada por todos, daba igual a cor ou a ideoloxía. Foi un pracer escoitarte e aprender, sempre, compañeiro. 

No día do teu pasamento non podemos facer outra cousa que rendirche a máis humilde das homenaxes, porque non é doado topar verbas que poidan estar á túa altura. Todos saben que deixas un legado na cultura do país, pero tamén o deixas no BNG pola túa implicación e a túa maneira de facer política.

Decirche que no vindeiro pleno presentaremos unha moción para que algunha das rúas de Ogrobe leve o teu nome. E senón, de seguro atoparemos o xeito de materializar algún outro xesto para poder lembrarte dunha maneira perenne no lugar que te viu nacer, para que ninguén esqueza a túa aportación política, social e cultural á vila.

Ata vernos, Luís.