Luis Emilio Batallán e o grupo Treixadura, difícil elección

Bea Costa
bea costa VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Treixadura presenta o traballo recopilatorio dos seus 25 anos sobre o escenario.
Treixadura presenta o traballo recopilatorio dos seus 25 anos sobre o escenario. Mónica irago< / span>

O fin de festa terá artistas de altura. O autor de «Aí Vén o Maio» actúa en Cambados e «Vendima Tarda» chega a Vilagarcía

14 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O peche do Día das Letras Galegas farase con música e músicos de altura o domingo na comarca. O grupo Treixadura actúa ás 20.30 horas no auditorio municipal de Vilagarcía e media hora despois farao o cantautor galego Luis Emilio Batallán no auditorio de A Xuventude, en Cambados. Así que non vai quedar outra que escoller.

Treixadura volve a Vilagarcía para presentar un traballo que lle serve para celebrar o seu 25 aniversario sobre os escenarios. Titúlase Vendima Tarda e nel resumen a súa extensa carreira, tamén con novidades no repertorio. Estreouse o pasado decembro en Vigo e Santiago e desde aquela o grupo percorreu xa as principais cidades galegas. O domingo tócalle Vilagarcía, e non será a última parada que fagan no Salnés. O 30 de xullo estarán en Cambados formando parte das actuacións do Albariño, unha das grandes festas galegas que aínda lles quedaba no tinteiro e que, por fin, van poder incluir no seu calendario.

Despois dos éxitos de Unha semaniña enteira e Esa si que é muiñada, os seguidores de Treixadura seguro que están a esperar por esa vendima feita cos ritmos e cantigas da música tradicional galega.

Un dos músicos do grupo, o cambadés Xaquín Xesteira, fará dobre turno este domingo. Ao mediodía (13.00 horas) estará na súa terra tocando coa Banda de música de Castrelo no tradicional concerto do Día das Letras Galegas que terá lugar no auditorio da Xuventude, ao que este ano únese a Coral Máximo Patiño de Vilaxoán.

Os instrumentos e as voces non paran en Cambados estes días, por algo é o Ano da Música. Ademais do concerto da banda, a actuación pola noite (21.00 horas) de Luis Emilio Batallán, haberá esa tarde música de gaita a cargo dos Carballeiras no Encontro cultural de Vilariño e o día anterior, o sábado pola tarde no parque de Torrado, serán os músicos e bailaríns de Con de Xido os que fagan sonar a música tradicional de Galicia.

Musica para o Día das Letras Galegas

Na Illa de Arousa poñen a xente a andar e as dornas, a navegar

O Día das Letras Galegas tamén é un bo pretexto para navegar. Así o entenden na Illa de Arousa, onde hai anos que escollen esta data para arrincar a temporada da navegación tradicional a vela. Este domingo tampouco van faltar as dornas no porto do Xufre. Dúas recibirán o seu bautismo de mar e o resto, que abofé van ser moitas pois só na asociación Dorna teñen medio cento de barcos, están convocadas para participar na navegación do 17 de maio. Desta volta non hai ningún trofeo en xogo. Trátase de gozar da ría, da cantiga do mar sobre as proas de madeira e do aturuxo do vento na relinga. E para que ninguén se quede en terra, a Escola de vela tradicional vai sacar a súa lancha xeiteira, a dorna de tope e o galeón Rei do Mar para que embarque todo aquel que o desexe.

Poesía e contos mariñeiros

Pero antes de subir a bordo aínda haberá moito que escoitar no porto do Xufre. Alí van estar Xurxo Souto para presentar o seu libro Contos do Mar de Irlanda e a poeta Susana Sánchez Aríns cos seus versos. E a banda e os grupos de baile e de pandeireta de Dorna encargaranse de poñer a música con pasarrúas polo centro do pobo ata o peirao.

A cita con As letras no mar é ás 11.00 horas, e media hora despois está previsto que empece a chegar a xente que vai participar na andaina organizada pola Fundación deportiva municipal da Illa, coincidindo co 17 de maio. A saída é ás 9.45 horas no Regueiro e, desde alí, os camiñantes teñen 12 quilómetros por diante pola banda sur da Arousa, con meta no Cantiño. Hoxe remata o prazo para inscribirse no Concello da Illa.