A localisade arousana acolleu o primeiro taller de cociña «Saberes con Sabor»
12 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A praza do Regueiro da Illa acolleu a celebración do primeiro obradoiro de cociña «Saberes con Sabor», unha iniciativa culinaria da Xunta de Galicia no marco da celebración do ano Xacobeo 2027 que busca poñer en valor os produtos e receitas de la Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.
A actividade foi todo un éxito a pesar de que a néboa e a sarabia ameazaron con roubar protagonismo ao chef Miguel Mosteiro, o encargado de poñerse mans á obra para elaborar as sinxelas tapas que a trintena de asistentes puideron ir catando ao longo da mañá. «Ás veces as persoas que veñen de fóra valoran moito máis ca nós a nosa tradición gastronómica», comezou comentando o cociñeiro, que reivindicou a calidade dos produtos arousanos. A primeira receita foi unha torrada de sardiña acompañada por unha manteiga feita con anchoas e leituga de mar, unha das algas máis socorridas para introducir no día a día das familias: «A min gústame moito porque é moi fácil de atopar e achega moito sabor a mar», recomendou mosteiro.
Trala preparación, na que o chef explicou o paso a paso, deu consellos e resolveu todas as dúbidas, chegou a hora da cata: o sabor afumado do peixe co contraste fresco da salsa só espertou rostros de satisfacción. Para a segunda receita, Mosteiro reivindicou a riqueza que nos aporta a mestura de culturas e preparou unha especie de taco ao estilo mexicano, pero cuxo protagonista era a navalla arousana. «Ollo con sobrecociñar os alimentos, porque aquí pecamos moito disto e podemos restar todo o sabor e a textura á materia prima que usemos», advertiu.
O obradoiro resultou moi interactivo, e de feito houbo quen se achegaron de xeito espontáneo ata o emprazamento e puideron probar tamén os pratos. Ademais, o proxecto contempla a instalación dunha pequena exposición efémera na que facer unha viaxe ao século pasado a través do rexistro fotográfico de particulares, concellos e xornais, onde os participantes puideron curiosear sobre as formas de traballar tradicionais.
A actividade culinaria continuará xirando durante todo o mes de outubro por outras localidades de Galicia. A próxima parada será Catoira, e tamén visitará Rois, Pontecesures e Meis.