A Virxe do Carme inicia no Grove o seu percorrido pola ría

La Voz O GROVE / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A península meca celebra hoxe a procesión marítima, en Carril o desfile relixioso será por terra e na Illa vívese o San Ramón

16 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Na ría de Arousa, o verán é unha sucesión de festas de todo tipo e condición. Nesa marea de eventos brila un coa luz propia do máis auténtico, do xenuino: as festas na honra da Virxe do Carme. Nunha terra na que o mar está tan presente como na nosa, non podía ser doutra maneira: a devoción por esta virxe non ten tanto que ver coa relixión como coa esperanza. En calquera caso, as do Carme son unhas festa da xente de aquí que se comparten, con xenerosidade, coa xente dacolá. Ben se verá hoxe pola tarde no Grove, onde se celebrará a procesión marítima. Ás seis sairá a imaxe dende a capela de San Roque, con dirección á lonxa. Despois da misa de campaña, será a hora de saír ao mar, na primeira das procesións da ría: o sábado será na Illa de Arousa, o domingo en Cambados e Vilaxoán, mentras que en Vilanova haberá que esperar aínda uns días. En Carril haberá procesión terrestre, esta mesma tarde, despois da misa das sete e media.

Igual que no Grove, na Illa de Arousa avanza o programa de festas que comezou onte co tradicional día dos Quintos. Hoxe é a xornada adicada a San Ramón, un día que se desenvolve nun entorno privilexiado, o lugar da Bouza, que se encherá de familias e grupos que compartirán a comida e o tempo sentados á sombra dos piñeiros. Antes de subir ao monte a xantar, haberá unha misa solemne cantada pola coral da localidade. E pola noite, a verbena irá por conta de La banda de ayer e Fania Blanco Show.

 Na vila de Cambados arrincan hoxe os actos do Carme, cun concerto de M-80 no paseo da Calzada. En Caleiro, no municipio de Vilanova, a comisión de festas do Carme organiza unha xornada que incluirá misa, procesión —a partir das oito da tarde— e verbena pola noite, desta volta da man das orquestras Marbella e Capitol.