Pontón desembarca na Illa para chamar á mobilización en defensa do Ulla e da ría de Arousa

La Voz A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

O acto do BNG celebrado onte na Illa de Arousa.
O acto do BNG celebrado onte na Illa de Arousa.

O vindeiro domingo celebrarase unha marcha que se prevé multitudinaria entre a praia do Bao e o peirao do Xufre

08 jun 2026 . Actualizado a las 20:50 h.

O vindeiro domingo celebrararse na Illa de Arousa una mobilización na defensa do Ulla e da ría. Convocada pola PDRA, Ulloa Viva e a plataforma Mina de Touro-O Pino Non, a protesta partirá a mediodía do entorno da praia do Bao e irá desembocar no peirao do Xufre. A intención dos convocantes é reunir a miles de persoas como xa teñen feito en repetidas ocasións en Santiago e tamén na Pobra do Caramiñal.

Este luns, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, acudiu ata A Illa para amosar o respaldo do seu grupo a esta convocatoria. «É moi importante que este domingo haxa unha mobilización masiva», sinalou. E dirixiuse ao goberno que encabeza Alfonso Rueda para reclamarlle que «enterre» definitivamente os proxectos de Altri e da Mina de Touro. «Un goberno responsable estaría coidando o medio ambiente e esta ría, cun plan de rexeneración integral, e non poñéndolle máis ameazas sobre os ombreiros a toda a xente que vive da ría de Arousa», advertiu a voceira nacionalista. E entre esas amenazas está o proxecto de Altri, ao que «a cidadanía xa conseguiu coa súa mobilización darlle un parón importante, pero se non se lle denegan todas as autorizacións e permisos, a pasteira podería recuperalo no futuro». É xusto o que está a pasar coa mina de Touro-O Pino, sinalou: foi desbotada no ano 2017 pero agora volve a estar sobre a mesa. «O executivo de Alfonso Rueda quere resucitarla. O feito de que lle dea a cualificación de proxecto industrial estratéxico é a primeira declaración de como o PP non está nin do lado da xente do mar, nin do lado da xente que está dicindo non á mina».