Entrega de premios do Certame de curtametraxes Carlos Asorey

daniel gonzález alén VILA DE CRUCES

A ILLA DE AROUSA

Suso Sueiro, Xan Blanco e Beatriz Iglesias

Un documental sobre a Illa de Arousa e unha curta inspirada na lenda das Lavandeiras, foron as premiadas.

25 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada fin de semana, celebrouse a entrega de premios do primeiro Certame de curtametraxes documentais Carlos Asorey, creado e organizado pola Fundación Paco Lareo- A Solaina de Piloño, que recaeron nas películas Testemuñas dunha Illa, de Guillermo Artero, Borja Duarte e Elián Antigua e O que non falta, de Ariadna Fieira e Sky López, que recibiron os galardoados de mans do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; a presidenta da Fundación, Carmen Lareo; os membros do xurado composto polo profesor e investigador de Agolada, Xaime Varela, o cineasta pioneiro do grupo Deza e cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén e Alfonso Pato, director do Festival de Cans e María Xesús Barcala, Susana Porral e Sarai Varela Louzao, profesoras e alumna do IES Marco de Camballón, que formaron parte do xurado do público deste certame.

Á cerimonia de entrega de premios tamén asistiu Xesús Asorey, irmán do cineasta de Vila de Cruces, que dá nome ao premio, directivos da Fundación, moitos veciños e personalidades de diversos ámbitos da cultura.

O certame e os premiados

O primeiro Certame de Curtametraxes documentais Carlos Asorey, impulsado pola Fundación Paco Lareo, xurdiu para homenaxear e lembrar ao cineasta Carlos Asorey (Loño -Vila de Cruces, 1950- Santiago de Compostela, 2015), contando co apoio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O xurado decidiu que premio fose para o documental Testemuñas dunha illa, de Guillermo Artero, Elián Antigua e Borja Duarte, estudantes de Comunicación audiovisual na USC, que realizaron esta obra como traballo de fin de grao. A curta narra a evolución que tivo a Illa de Arousa desde que, hai máis de 40 anos, se inaugurara a ponte para acceder a ela.

Ademais deste premio, o xurado tamén concedeu unha Mención Especial á curtametraxe O que non falta, dirixida por Ariadna Fieira e Sky López, ambas formadas en Comunicación Audiovisual na UDC.

Voto estudantil

Finalmente, o Premio do Público tamén foi para a curtametraxe Testemuñas dunha Illa. Este premio foi elixido a través da suma dos votos de máis de 70 de alumnos do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, que presenciaron as obras finalistas neste centro de ensino.

O premio do xurado consistiu na entrega dun galardón e en material tecnolóxico valorado en 3.000 euros e o Premio do Público noutro galardón en material valorado en 1.000 euros. Pola súa banda, as directoras da curta que recibiu a Mención Especial do Xurado, recibiron un lote de produtos culturais, e un convite de entradas e hotel para asistir a vindeira edición do Festival de Cans.