O PP pide que se suprima a polémica zona residencial e forza un pleno para abordar o tema: «A solución non pode ser a costa de converter A Illa nunha secta»
A ILLA DE AROUSA

Os populares acusan ao alcalde de protagonizar unha «fuxida para adiante» e ao BNG de «covarde»
17 may 2025 . Actualizado a las 12:46 h.Do polémico plan de tráfico que establece zonas restrinxidas só para os residentes volverase a falar no pleno da A Illa. O grupo da oposición, o PP, ten votos suficientes para forzar a súa convocatoria e vén de formalizar a súa solicitude para que o alcalde convoque un pleno extraordinario no que se solicitará á corporación que vote para que se suprima dito plan de tráfico.
As zonas residenciais implantáronse hai un mes coa conseguinte instalación de lectores de matrículas e sinalización, aínda que non será ata o 15 de xuño cando a policía local empece a multar por incumprilo. O alcalde, Luis Arosa, xa dixo que non haberá marcha atrás, pero os populares non se renden.
O PP insiste en que a creación da zona residencial —nas que só poden circular os residentes das rúas afectadas e todos aqueles que acrediten que teñen negocios ou obrigas familiares que requiren transitar por estas rúas — «é moi lesiva». «Todo o que está facendo o alcalde Luis Arosa é unha fuxida para adiante sen pés nin cabeza, que o único que está a causar é un forte malestar da xente, unha gran alarma social e unhas malas perspectivas para os comercios e os locais de hostalería, polo que a nosa obriga é levar esta cuestión a pleno para que rectifique», sinalou o voceiro popular, Matías Cañón.
«O Bloque está a ser un partido moi irresponsable, porque está deixando que o alcalde se cargue o pobo malia ser parte do goberno, e tamén moi covarde, porque está agochado detrás dunha suposta escusa de prudencia que vai en contra das peticións maioritarias dos veciños. Polo tanto pedímoslles que sexan valentes e voten a favor da nosa proposta, porque eles din que non lle fan caso ao PP, pero non se trata diso, senón de facerlle caso aos veciños, de defendelos e de apostar polo sentido común», apostillou Cañón.
Paralelamente, o PP tamén vén de solicitar por escrito toda a documentación do expediente do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) desde a súa aprobación no ano 2017 e lamentou que o alcalde «atacara ao PP alegando que votou a favor dun documento que non deixa de ser unha declaración de intencións que logo ten que falarse entre todos para buscar un consenso». «A a solución non pode ser a costa de bunkerizar a vila e converter á Illa nunha aldea gala ou unha secta», concluíu.