«Os nenos necesitan lapis para escribir, eu necesito a madeira para crear»

M. SANTAMARÍA-SERANTES / r. E. A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

Martina Miser

Manuel Dios, a pesar do retiro, non pode deixar o mar, e desde terra constrúe maquetas

07 sep 2024 . Actualizado a las 18:57 h.

Cando un cumpre setenta e un anos esperaríase que a persoa busque pasar o tempo sen realizar máis traballos, xa bastante se traballou antes. Pero para Manuel Dios Cores , da Illa de Arousa, estar quieto non era unha posibilidade. Despois dunha vida traballando no mar de distintas formas posibles, o mariñeiro deixou os barcos, pero non a súa paixón por eles. A través da madeira e das cores foi creando a súa propia frota, baseándose nos seus barcos e nos que ve no día a día.

«Levo traballando dende os 14 anos, acabei con 44 cotizados», explicaba o mariñeiro. Un día, saíndo da escola, veu ao seu pai, que xa era mariñeiro, esperándoo fóra para levalo a unha fábrica, a cal agora xa non existe e que estaba ao lado do Concello da Illa de Arousa. «Despois de falar co amo, púxenme a traballar. Pero a min non me gustaba nada estar aí. Un mozo ten que moverse e nese sitio había que estar moi quieto. Aguantei un ano antes de botarme ao mar», relataba Dios Cores.

O mariñeiro é o maior de tres irmáns pero só él e outro decidiron traballar nos barcos. Eles dous, xunto seu pai e seu avó, ían todos os días faenar, pero a tradición familiar rematou con eles. «Na miña familia só teño mulleres e elas nunca quixeron formar parte do barco. Cando me xubilei díxenlles que se non as querían que vendesen as embarcacións. E así fixemos. Un perdino de vista, pero hai outro que si que o vexo sendo usado pola Illa », sinala.

«Fun traballar cerca, ás bateas. Pero tamén nun barco de pesca cerca da ponte, como segundo. Cando puidemos ter barco propio xa controlábamos e íamos a por berberechos e nécoras. Tivemos dous barcos; un era de quince metros, pa ir ás bateas», conta cando se lle pregunta polo seu oficio. O mar ten vida propia e é moi cambiante, por iso Manuel Dios non podía cerrarse a un sector só, se non que foi probando de todos os produtos que nacen cerca da illa. Despois de corenta e catro anos de traballo, as anécdotas non faltan.

«Un día, vindo de Sálvora, un camiño que leva sobre trinta minutos, recorrémolo en moitas horas. Pillounos o temporal e saímos de aí a golpes. Pasamos moito medo, porque agora ti chamas e xa te veñen auxiliar, pero naqueles tempos non había nada», narraba o home. Pero non todo é malo: «Indo no barco de cerco, rodeamos aos peixes e cargamos. Un día cercamos tantos peixes que había para outros tres barcos máis, nunca vin tanta cousa xunta».

Manuel Dios non só traballou no mar, o mar inspírao para a súa faceta artística que se puido ver estes días no Centro de Interpretación da Conserva de A Illa a través das 32 maquetas que fixo ao longo de case trinta anos .

Pouco a pouco, e con moita paciencia, foi construíndo chalanas, dornas, muíños e piornos, entre outros. Algunhas pezas son pequenas representacións dos barcos que tiña el, pero outros son copias dos que ve no porto da Arousa. Un deles baseouse nun barco vasco, pero de nome púxolle Fuentes, como se lle coñece á súa familia. A primeira dorna que fixo chámase Veloz, e basease nunha real, que ten máis de cincuenta anos e pertencía ao seu bisavó.

«Isto comezou no 1995 como un pasatempo. A primeira maqueta non me gustou, pero pouco a pouco fun mellorando», relataba Manuel Dios, que despois dunha vida movida, como mariñeiro e como adestrador e coordinador do equipo de fútbol Céltiga, tiña medo de converterse nun home maior sen nada que facer. «Foi a miña maneira de quitarme un peso de enriba, algúns xubílanse e van sentarse por aí, pero eu non podo estar quieto», comentaba.  Manuel Dios non sabe dicir canto tarda en facer cada maqueta ni lle pon prezo: «Díxenlle á miña familia que cando eu xa non estea fagan o que queiran, vendelas, metelas nun museo, deixalas nun armario...».

Non hai outra forma de describir ao mariñeiro máis que como artista. A idea das maquetas nace despois de pintar unha chalana un verán, pero Manuel Dios non se limita á este tipo de artesanía, se non que este ano tamén está a pintar cunchas de vieira.

Moitas son as persoas que se pasan a ver as súas creacións, incluídos os nenos da ludoteca municipal, que sentados ao seu redor e tocando exemplos de pezas, escoitan a unha persoa paciente e con moita sabedoría: «Vos necesitades papel e lapis para poder escribir, e eu necesito madeira para crear», comeza a charla que impartiu días atrás no Centro da Conserva.da Illa de Arousa.