A Illa de Arousa, pioneira na creación dun espazo dedicado ao colectivo LGTBI na súa biblioteca

La Voz A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MARIA SANTAMARIA

A iniciativa partiu do colectivo Orgullo Mar e Cons

30 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Biblioteca Pública Municipal da Illa de Arousa abriu onte as súas portas para mostrar un novo espazo nos seus andeis, pioneiro na zona. A Organización Polari, que nace despois da celebración do Orgullo Mar e Cons en 2023, argallou a idea de poder contar cun espazo nun ente público dedicado exclusivamente ao colectivo LGTBIQ+. Un sitio onde atopar libros nos que se vexan reflectidas as persoas bisexuais, de xénero fluído, transxénero ou pansexuais, ademais de conter outras temáticas como a loita feminista.

A idea nace duna asemblea do colectivo Polari, inspirado polo Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia do Consello da Cultura Galega, onde se recolle como recomendación a creación dun espazo nas Bibliotecas Municipais como o creado na Illa de Arousa. Por agora conta con menos de corenta libros, pero os organizadores esperan ir aumentando o número baseándose nas preferencias dos lectores.

«Estivemos en contacto co instituto da Illa de Arousa e co alumnado, que nos comentaron o seu interese en libros como os de Heartstopper de Alice Oseman», relataba Sergio Cañón, secretario de comunicación da organización, e presente onte na presentación do espazo. No novo estante pódense encontrar obras como as de Teresa Moure ou Una habitación propia de Virginia Woolf, ademais de enciclopedias sobre a historia dos distintos colectivos. Case todos os volumes están dispoñibles para levar, e pódense reservar pola rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

«Hai que vivir no presente. Cantas máis facilidades temos, máis libres somos», reflexionaba Elena Otero, concelleira de Educación, presente no acto da biblioteca. O portavoz do BNG e concelleiro, Manuel Suárez, agradecía o compromiso adquirido pola xente nova nuns tempos nos que «participar en proxectos colectivos non está de moda. Son uns valentes por dar o paso e poñerllo máis fácil ao resto».