
A obra teatral será ás 20.30 horas no auditorio con entrada a 5 euros
27 sep 2023 . Actualizado a las 16:19 h.O teatro volve ao auditorio municipal da Illa logo do parón estival da man da obra de Domingo Villar, Síbaris, da man da compañía Con de tres pés. A representación será este venres ás 20.30 horas e as entradas estarán dispoñibles nos lugares de costume: Bar O Museo, administración de lotarías Mar de Apuestas, e na billeteira do auditorio o mesmo día da representación. O prezo é de 5 euros.
Trátase dunha comedia negra dirixida por Lois Blanco e protagonizada por Carlos Blanco, Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novoa. O protagonista chámase Víctor Morel e vese incapaz de escribir nada á altura das súas expectativas. Laura, a súa muller, anímao a aceptar unha invitación da Universidade de La Sorbona para dar unha clase, e a situación acaba complicándose.
A actuación na Illa ten carácter de preestrea e inscríbese no acordo que o Concello ten coas compañías teatrais que lles permiten a estas utilizar o auditorio como lugar de ensaio a cambio de que a ofrezan unha función na Arousa. Son as chamadas residencias artísticas que a nova concelleira de Cultura, Laura Castro (BNG), quere manter, aínda que con algún cambio. Irase vendo en función das necesidades que xurdan, explica, pero a súa idea é implantar un sistema de pago de maneira que as compañías contribúan para sufragar os gastos de funcionamento do auditorio. Castro opina que esta fórmula que viña funcionando na Illa desde hai anos é unha opción moi válida para poder ofrecer no pobo unha oferta escénica de primeiro nivel no ámbito galego e a prezos reducidos.
Con de Tres Pés fará a preestrea na Illa de Arousa este venres e volverá á comarca o sábado 18 de novembro, en concreto ao auditorio de Vilagarcía para ofrecer unha nova función de Síbaris. As entradas xa se poden adquirir en www.taquilla.com a 10, 12 e 15 euros, máis gastos de xestión.