A «Pereka» revalida o título na Volta á Arousa de dornas a vela, con 31 embarcacións na auga

La Voz A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

Martina Miser

Completou a circunnavegación en 2 horas e 50 minutos

25 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo deportivo da navegación tradicional galega viviu onte un dos seus episodios recorrentes. O de ver a tripulación da Pereka impoñerse nunha regata na casa. A embarcación da Asociación Deportiva e Cultural Dorna revalidou o seu título de campioa da Volta á Arousa, gañando a trixésimo oitava edición dunha das citas sobranceiras do calendario galego de dornas a vela.

Pereka impúxose cun tempo de 2 horas e 50 minutos. O que lle levou circunnavegar a Illa de Arousa. A organización, a cargo da A.D.C. Dorna, cambiou o seu plan inicial de mandar a frota, composta nesta ocasión por 31 barcos, dirección norte. Ante a viraxe do vento respecto ao venres, os patróns e tripulantes enfiaron cara ao sur seguindo o ditado do aire e ante a ameaza dunha calmada. Por sorte, os escasos 6 nós cos que partiron foron incrementándose cos minutos e co avance pola costa illense, ata rematar obrigando a espremer a pericia dos participantes para saír airosos no treito final con volta ao punto de partida, a praia da Canteira. 

Alí chegaron, sucesivamente tras Pereka, a Jalerna, en 2 horas e 52 minutos, Fuxe, en 2.54, Nécora e Cariñosa, ambas as dúas últimas en 2.56. Todas elas, agás Fuxe, de Amigos da Dorna Meca, baixo a grímpola da organizadora A.D.C. Dorna. 

Ademais das dúas asociacións apuntadas, competiron na Volta á Arousa dornas a vela de A Torre de Cambados, Lajareu por Barlovento de Ribeira, Amigos da Dorna de Portonovo e Dorneiros Regateiros de Cambados. O 15 de xullo a navegación tradicional galega volverá citarse na Illa no Triángulo do Cantiño.