A Illa cumpre co 50 % das medidas incluídas no Pacto polo Clima

La Voz A ILLA

A ILLA DE AROUSA

Martina Miser

Entre as accións executadas están unha auditoría sobre o alumeado público, a construción do aparcadoiro disuasorio do Bao, o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) e a creación da primeira comunidade enerxética

25 ene 2023 . Actualizado a las 15:41 h.

O Concello da Illa presentou ante o Pacto das Alcaldías o informe do grao de execución das medidas comprometidas no seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), un documento no que se avalían os avances realizados nas distintas medidas e incluíndo os axustes necesarios, sen perder de vista o horizonte da redución do 40 % das emisións de CO2. Nesta primeira revisión, constatouse que 20 das 40 medidas incluídas na versión inicial do Plan estaban iniciadas, das cales oito xa están rematadas. Entre elas destacan a auditoría sobre o alumeado público, a construción do aparcadoiro disuasorio do Bao, o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) e a creación da primeira comunidade enerxética, segundo informa o goberno local.

Gabriele von Hundelshausen, concelleira de Medio Ambiente, destaca o elevado índice de cumprimento do plan á vez que asegura que «non hai que baixar a garda porque queda moito por facer». Algunhas medidas pendentes xa están iniciadas, tales como a protección das dunas e a xestión dos residuos municipais baseada na segregación de catro fraccións de residuos: papel e cartón, envases de vidro, envases lixeiros e fracción resto.

Nestes momentos conta o Concello cun punto limpo fixo e está actualmente desenvolvendo diferentes programas de compostaxe colectiva e individual para a xestión da fracción orgánica.

No ano 2019 o Concello da Illa sumábase á comunidade internacional do Pacto das Alcaldías. Esta iniciativa da Comisión Europea une a milleiros de entidades locais e rexionais ao longo de todo o planeta co obxectivo de atallar o cambio climático, tomando medidas para atenuar os seus efectos e reducir en polo menos un 40 % as emisións de CO2 antes do ano 2030. En novembro do ano 2020, tras meses de estudo, a Arousa presentaba o seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES). Este documento inclúe o Inventario de Emisións de Referencia que permite coñecer a situación de partida e comprobar as reducións acadadas co paso do tempo; e a Avaliación dos Riscos e Vulnerabilidades que presenta a illa fronte á mudanza climática. O Plan culmina cunha batería de medidas deseñadas para acadar os obxectivos de mitigación comprometidos e preparar a Arousa para os retos que a illa deberá afrontar nos vindeiros anos.