«Papel de estraza», o relato sobre unha utopía que rematou en traxedia
A ILLA DE AROUSA
O libro foi presentado en Boiro da man da Asociación Cultural Barbantia
29 oct 2022 . Actualizado a las 14:58 h.No marco do Pazo de Goiáns, en Boiro, conxunto histórico que é simbólico para o municipio pola súa arquitectura e por terse conseguido para o pobo, compareceron os autores do libro Papel de estraza, Fernando Salgado e Juan Otero, Genito; e o mestre Pepe Álvarez, figura fundamental da obra que, así mesmo, prologa, pola súa condición de asesor dos escritores. Foi no acto mensual da Asociación Cultural Barbantia, que, ademais, sacaba á luz o número 178 do suplemento A Voz de Barbantia.
Os asistentes seguiron con atención as intervencións dos autores, que desvelaron tanto as fontes e investigacións, como o tema central da obra: unha utopía que rematou en traxedia e que se viviu na Illa de Arousa, territorio ao que tan vinculada está a comarca de Barbanza, non en van protagonistas dos feitos, como foi o caso de Manuel Abuín, eran de Rianxo, onde se refuxiou das hordas fascistas.
Na quenda de intervencións empezou Pepe Álvarez explicando que os feitos que se relatan desenvolvéronse no marco dun contexto político, económico e etnográfico singular, como é A Illa, e destacou o traballo feito por Fernando Salgado, escritor e xornalista, e Juan Otero, Genito. Matizou que a temática central non é sobre memoria histórica, aínda que a trata, facendo fincapé en que aborda a emigración, fuxindo do tópico pexorativo, porque esta tiña un retorno en forma de cartos para arranxar casas, mercar fincas, facer escolas, e traía, ademais, avances tecnolóxicos e liberdade.
Tamén desvelou que en Papel de estraza ponse de manifesto a figura dos mestres da Illa, comprometidos coa idea de que a cultura era o primeiro paso para acadar unha revolución social, e como estes mestres sufriron a represión do 36. E precisamente, esta represión é o peso central da obra, pero unha represión que xa empeza no 34, aínda que o punto de partida do libro sitúase a finais do século XIX, cando comezan a chegar barcos con material para crear as primeiras industrias na Illa.
O contexto
Foi Fernando Salgado quen tomou a palabra para falar do contexto: como se levanta na Illa de Arousa a primeira conserveira de Galicia con man de obra maioritariamente feminina, o que dá á muller unha autonomía económica e un destacado protagonismo social, ata o punto de que moitos homes son coñecidos polo nome das súas donas. O autor explica que nos primeiros anos do século XX había xa unha gran conciencia solidaria pola que a xente axudaba aos demais, o que dá orixe ao pósito, como xorden os primeiros focos culturais e como cambia a mentalidade dos veciños arousáns.
Precisamente nese ambiente, en 1920 nace a Agrupación Socialista, que ten un papel fundamental no relato. Porque no 34, a chamada revolución de Asturias a consecuencia do descontento cos cambios de ministros socialistas no Goberno do Estado, ten réplicas en toda España, e tamén na Illa. Segundo explicou Genito, un grupo de veciños declararon o goberno da república da Illa, con presidente e ministros, e escribiron os nomes de cada un nun papel de estraza. O obxectivo era acadar a independencia de Vilanova.
Como as mobilizacións en toda España foron a máis, declarouse unha folga xeral, que na Illa foi reprimida contundentemente despois de que os empresarios denunciaran a paralización da actividade, a consecuencia do que desembarcaron na Arousa forzas da orde para obrigar aos obreiros a volver ao traballo. No transcurso dun rexistro descubriron o goberno ilegal, que en realidade era unha antiga utopía.
Todos os que aparecían na relación foron detidos e metidos en cárceres, nas que pasaron ata seis meses, pero o que non podían sospeitar era que, tralo levantamento do 36, tamén ían ser vítimas dunha represión moito máis feroz, e moitos deles foron detidos, torturados e asasinados brutalmente.
Para pechar, interveu a concelleira de Cultura, María Outeiral, quen agradeceu a Barbantia que elixira de novo Boiro para desenvolver un dos seus actos. Convidou aos autores do libro e acudir de novo á vila para, xunto con historiadores locais, explicar aos mozos o que ocorreu no 36 e nos corenta anos de ditadura, convencida de que a maior parte dos mozos descoñecen por completo acontecementos como os que se acaban de explicar.