O illense Baraca completa a portería do Arousa tras quince días a proba

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

CEDIDA

Luisito di que o equipo inda non está pechado e prioriza a chegada doutro central

31 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Rial Agra, Baraca (A Illa de Arousa, 28 de marzo do 2001), é o elixido polo corpo e a dirección técnica do Arousa para completar a parella de porteiros no proxecto co que o club vilagarcián pretende regresar pola vía rápida á Segunda División R.F.E.F.

Baraca volve así a unha praza na que completara a súa etapa de formación, como gardamallas titular do conxunto arlequinado de Liga Galega Xuvenil na temporada 2019/20. Anteriormente, o novo futbolista do Arousa pasara polas canteiras do Celta de Vigo, do Bora, do Lérez e do Pontevedra nos seus anos de cadete e de xuvenil. Como sénior, a súa primeira camisola fora a do CD Ribadumia, na Terceira División, fichando o curso seguinte, o 2021/22, polo equipo do seu concello, o Céltiga. En ambos os dous casos, como segunda opción de cadanseu adestradores, a mesma que terá no vestiario da Lomba, con Manu Táboas como titular baixo paus.

O Arousa fixo onte oficial a contratación de Baraca, que levaba quince días traballando a proba baixo as ordes do adestrador arlequinado, Luisito, quen puido testar as súas capacidades; en parte, obrigado a reservar a Manu Táboas pola lesión muscular que sofre o vigués.

«Rápido, bueno bajo palos y muy trabajador». Así se definía onte o novo porteiro arousista, que ficha, di, «con la mayor ilusión» e convencido de que con «trabajo diario y con la unión del vestuario» o seu novo equipo poderá conquistar o ascenso pretendido.

Non será a de Baraca a última incorporación ao cadro de futbolistas do primeiro equipo vilagarcián. A lo menos, se o mercado acaba convencendo a Luisito, quen tras a vitoria 0-2 sobre o Portonovo do pasado domingo con apenas unha ducia de xogadores sénior dispoñibles polas súas numerosas lesións, declarou: «Evidentemente, o equipo pechado non está, quedan dúas fichas —ademais doutras tantas sub 23—», ao que engadiu: «Non as podemos tirar, temos que axustalas ao que queremos. E eu teño moi claro o que quero [...] A parte de atrás está coxa. Se damos atopado un central de nivel que mellore o que teño, pois posiblemente o incorporaremos; se non, haberá que esperar».

Cambados, último test de proba

Escoitando a Luisito, semella difícil que o Arousa dea concretado eses dous reforzos cos que pretende pechar un equipo quen de volver á Segunda R.F.E.F. antes da estrea na Liga, o 11 de setembro no Barco. Este sábado desde as 18 horas en Burgáns, tocará o último test, fronte ao Juventud Cambados de Preferente.

O xuvenil arrincará este domingo a Liga, con dúas pezas máis

O primeiro equipo xuvenil do Arousa fará este domingo a súa estrea na División de Honra, a máxima categoría do fútbol base español. Faráo ademais no campo da Lomba, recibindo ás 12 o Coruxo. O club arlequinado vén de informar de dous novos reforzos para o xuvenil A, Pedro Carril, xogador de banda procedente do Areosa, e Lucas García, mediocentro chegado do Umia.