A Pereka faise co triunfo na Volta á Arousa de Dornas a Vela

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

Mónica Irago

A embarcación de Dorado vence nun apertado final á Jalerna de Ricardo Dios. A cita da Illa abre unha temporada con dez probas na banda sur da ría arousá

26 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Illa de Arousa viviu onte unhas das súas máis senlleiras xornadas festivas na honra da tradición mariñeira galega. A que trae consigo a disputa da Volta á Arousa de Dornas a Vela. Unha cita que se achega xa aos corenta anos e que na súa trixésimo sétima edición tivo na Pereka, o barco patroneado por Dorado, o seu vencedor, logo de case tres horas para completar a circunnavegación do municipio insular e un apertado final.

Eran as catro en punto da tarde cando as 30 parellas presentadas á proba tomaban a saída fronte á praia da Canteira. Fixérono nunhas condicións inmellorables para baterse no mar, con vento do oeste-suroeste de entre 6 e 9 nós que fixo as delicias dos competidores. Tamén do numeroso público que desfrutou da fermosa e singular estampa dun dos barcos máis queridos na tradición mariñeira das Rías Baixas, sobre todo en zonas como Cabodeiro, nas que se puido seguir a dura pugna entre tripulacións e observar a súa destreza nas manobras coas que tentaban coller o vento de popa para impulsarse nunha carreira por un dos títulos máis cobizados da especialidade en Galicia.

Se a experiencia é un grao, moito máis cando se trata de manexar un barco mariñeiro a vela. É por iso que as vitorias neste tipo de citas soen repartirse entre os mesmos; e onte esta norma non escrita non variou nas augas da Illa. A Asociación Cultural Dorna, organizadora da Volta á Arousa, copou o podio das mans das parellas de tripulantes da Pereka, da Jalerna, patroneada por Ricardo Dios, e mais da Nécora manexada por Braulio. Un ano atrás, no regreso tras o parón no 2020 polo confinamento obrigado nos primeiros meses da pandemia, fora a Jarlena a dominadora da circunnavegación do municipio illense, que nos últimos anos leva repetido tanto o seu nome como o da Pereka á fronte do seu palmarés.

A Volta á Arousa é a primeira das dez regatas de dornas a vela das que se poderán gozar este ano nas augas do sur da ría de Arousa. Un calendario que terá a súa segunda parada na Regata do Salnés da Asociación A Torre de Cambados o 2 de xullo, un mes no que tamén se farán a décima Que inchadiña branca vela, remontando o Ulla ata Padrón na honra de Rosalía de Castro, o 16 de xullo, e a Regata dos Faros no Grove, o día 30. En agosto están programados o Triángulo do Cantiño homenaxe a Parada (A Illa, día 6), a Navegación homenaxe a Paterí (O Grove, 13) e o Triángulo do Bao (A Illa, 20). O Grove concentrará as tres últimas probas de dornas a vela: a Regata Porto Meloxo (10 de setembro), a Camping Miami (día 17) e a Regata do Marisco (8 de outubro).