Condenado a sete anos e medio de prisión por tirar a un mozo do alto do edificio náutico da Illa

La Voz A ILLA

A ILLA DE AROUSA

CAPOTILLO

O fallo, contra o que cabe recurso, establece que o acusado non poderá achegarse á vítima a menos de 150 metros durante dez anos nin comunicarse con el

18 ene 2022 . Actualizado a las 19:12 h.

O veciño da Illa acusado de arroxar a outro mozo do municipio desde o alto do edificio náutico desa localidade vén de ser condenado á pena de sete anos e seis meses de prisión por homicidio en grado de tentativa «con concorrencia da circunstancia agravante xenérica de abuso de superioridade», segundo consta na sentenza da sección 2 da Audiencia Provincial de Pontevedra. O fallo establece, ademais, que o acusado non poderá achegarse á vítima a menos de 150 metros durante dez anos nin comunicarse con el.

En concepto de responsabilidade civil, o procesado deberá indemnizalo con 27.329 euros polas lesións temporais e 137.458  euros polas secuelas, ademais do polo lucro cesante do seu traballo.

Os feitos

Os feitos xulgados ocorreron na madrugada do día 8 de marzo do 2020. Ambos mozos coincidiran esa noite nun local do municipio e volveron verse despois no lugar do Charco. Acto seguido trasladáronse en coche ata o edificio de usos náuticos situado no Bao onde tivo lugar o suceso que acabou cun deles malferido no chan.

O acusado «facendo uso da súa maior complexión física, e sabendo que sometía [ao seu acompañante] un risco de morte que non tiña posibilidades de evitar, agarrouno por unha perna e pola cintura, elevouno por riba da varanda, dunha altura aproximada dun metro, e deixouno caer ao baleiro, precipitándose e impactando co seu corpo no chan de formigón, quedando tendido na parte posterior do edificio», segundo consta na sentenza. «Acto seguido, abandonou o lugar a pé, levando consigo o bolso-bandoleira [do agredido], do que se desfixo no camiño de volta»

Froito do golpe —a vítima foi arroxada desde unha altura de sete metros e medio—, esta sufriu numerosas lesións que o mantiveron 43 días hospitalizado, quedándolle secuelas como limitación da mobilidade, atrofia do cuadríceps, deformidade en valgo do pé esquerdo e limitación da mobilidade do nocello e pé esquerdo e numerosas cicatrices.

Contra esta sentenza da Audiencia Provincial cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.