Rexeitamento na Illa á futura construción dunha nave no Aguiuncho

B. C. A ILLA

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

O Concello súmase ao malestar da confraría e ás organizacións de bateeiros

19 nov 2021 . Actualizado a las 13:56 h.

Portos de Galicia vén de autorizar a construción dunha nave de grandes dimensións na zona portuaria do Aguiuncho (A Illa) e asunto xa está a levantar polémica. Por de pronto, o Concello emitiu hoxe unha nota de prensa informando de que se ve obrigado a dar licenza a esa obra «por imperativo legal» dado que non está dacordo con esta actuación, que forma parte dunha ampliación da concesión á empresa adxudicataria da zona do varadoiro.

«Esta ampliación causa unha grande preocupación ao sector do mar da Illa de Arousa, e en xeral, de todos os veciños e veciñas, que ven como se está reducindo drasticamente o espazo portuario que a xente do mar necesita para o desenvolvemento normal da súa actividade».

O Concello move ficha logo de que tanto a confraría como as asociacións de bateeiros lles fixeran chegar a súa oposición a unha infraestrutura «que para nada cumpre co PXOM da Illa, creando malestar polo gran impacto visual, que para nada cadra coa paisaxe deste municipio». Ademais, explican, a nave ocuparía un espazo que os profesionais do mar reclaman para situar alí almacéns. O Concello comparte estes argumentos, que o propio sector do mar fará valer nunha reunión que van solicitar coa presidenta de Portos de Galicia para tratar o tema.