Doen, unha viaxe ata as fronteiras do postrock e do metal

A banda arousá presenta nas redes sociais e por entregas o material do seu segundo traballo, «Saudades», en evolución cara outras paisaxes musicais

Se cadra por propia definición, non hai un xeito moi doado de explicar en que consiste exactamente o postrock. A idea pode ser o emprego de compases irregulares, desenvolvementos harmónicos e elementos progresivos non moi frecuentes nas bandas de rock. A partir de aí, o medo é libre. No caso de Doen, a evolución dende o seu primeiro traballo homónimo, lanzado no 2017, matiza e proxecta aquel metal alternativo que xa amosaba interesantes arestas cara eidos nos que a distorsión non é senón un elemento máis, que ocupa un lugar aquelado entre o resto de moitas outras pezas para crear ambientes e texturas moi particulares e de poderoso nivel. Víctor García, sempre barallando un paso máis dende os estudos Karallada, na Illa de Arousa, atopa un oco para charlar un anaco sobre o segundo álbum do grupo, que vai chegando por entregas. A finais do ano pasado caeu o tema Xeo (Toundra), título que apunta xa por onde van os tiros, e agora vén de facelo Estear, dispoñibles ambos en todas as plataformas de rigor.

«Tal e como está todo agora mesmo, lanzar un disco con dez temas pode atraer a atención da xente un par de semanas para logo pasar inadvertido; así que preferimos facelo así, centrándonos en cada un dos temas para pulilos coma nós queremos, tomándoo con calma». Así que Doen irán debullando aos poucos este traballo de consolidación ata chegar ao cabo deste estraño 2021, no que prevén editar Saudades, este será o seu título, en formato físico. «Temos algún máis gravado, pero serán nove temas que non van quedar na nube virtual. De feito, o disco físico vai ir xa coma remáster; non será igual có que iremos subindo ás redes, queremos darlle un cariño e algunha sorpresiña á xente».

Catro músicos bastante novos (Víctor, que é o máis vello, aínda non cumpriu os 43, e o resto andan entre os 20 e os 30 anos), procedentes de diferentes puntos de Arousa e distintos proxectos anteriores -a Neuroband, entre outros- dan vida á formación actual de Doen, logo da saída de Nico Leal, Artur Silverio e Manuel Seixas. Víctor Karallada faise cargo de guitarras, coros e algúns dos desempeños electrónicos; Borja Torrado do baixo e do motor central das composicións; Matías Leiro pon a voz; e Isi Baúlo, a batería.

Son catro, pero se cadra sería máis acaído falar dunha constelación Doen, xa que antigos colaboradores e moita outra xente seguen orbitando a banda. «Temos a sorte de contar con moitos amigos músicos que nos botaron unha man moi grande. Este traballo está cheo de colaboracións. Teño medo de dicir nomes, por non deixar algún atrás, pero non podemos deixar de nomear a Manuel Seixas e a Manolo Serantes, porque hai letras e moitas liñas de voz deles. Cando hai dúbidas sempre aportan, e eles teñen moita parte da culpa». Aínda que tamén dende fóra, Artur gravou as partes de teclado, que serán lanzadas coma samplers cando o grupo poida defender de novo a súa esixente proposta en directo, arroupado polas proxeccións de Xoán Tourís, autor dos vídeos que acompañan na Rede os dous adiantos de Saudades.

Polo de agora, eles mesmos controlan e pechan o círculo de gravación, produción e edición da súa música. Non é que non interese unha outra opinión neste cometido. «Eu, que produzo outras bandas, sei que un par de orellas alleas veñen moi ben, porque sempre es máis subxectivo co teu propio material», recoñece Víctor. Ese momento, de todos os xeitos, aínda non parece ter chegado. «O que nos propoñemos é investigar co son, afondar nos temas e deixarnos ir ata onde nos leven, esquecendo ese punto de exhibición, de mira que ben toco e aí vai un solo. Interesa expresar o que nos fan sentir. E estamos satisfeitos neste camiño; tendo claro o que vas facer, tanto ten que conduza, porque sabes por onde vas».

Votación
2 votos
Comentarios

Doen, unha viaxe ata as fronteiras do postrock e do metal