A primeira webserie interactiva en galego leva selo arousán

Bea Costa
Bea Costa A ILLA

A ILLA DE AROUSA

cedida

A productora de Amnesia 3.0 é unha veciña da Illa e o traballo proxéctase este xoves no festival Carballo Interplay

20 nov 2020 . Actualizado a las 09:45 h.

Aos nados no século pasado, á xeración dos cinco canais na televisión e pouco máis, quizais lles custe adaptarse aos produtos da nova era dixital, pero non queda outra. Os formatos do ocio audiovisual mudan a unha velocidade vertixinosa, o cal obriga a reciclarse e a cambiar os esquemas. Por exemplo, á hora de ver unha serie. Agora podes atopalas á carta, e non pola ampla oferta que despregan as plataformas dixitais, tamén á hora de elixir como se desenvolve a trama. Son as series interactivas, nas que o espectador escolle o final que prefire mediante as ferramentas que ofrece a tecnoloxía.

Agora estréase a primeira webserie deste tipo feita en galego, Amnesia 3.0, o proxecto gañador do premio á produción convocado polo festival Carballo Interplay do 2019, desde o cal se lanzara á rede esta noite (22 horas). O traballo está producido pola veciña da Illa de Arousa, Cristela Torres, e está feito con «micropresuposto».. En Amnesia 3.0 «ti constrúes a túa propia versión da historia», explica Irene Pin, que forma equipo xunto con Cristela, Iria Iglesias, Natalia Porca, Andry Milán e Rocío López. As mozas coñecéronse na súa maior parte estudando Audiovisuais en Santiago e atrevéronse con este innovador formato, e en galego. «O evento constitúe un fito dentro da ficción dixital galega, unha aposta interactiva sen precedentes que nace dunha teima por atreverse a romper os límites impostos. Así mesmo, espande o panorama das webseries a un xénero pouco explorado como é o da ciencia ficción», sinalan.

Esta miniserie de tres capítulos conta coa colaboración de caras coñecidas do audiovisual galego como Monti Castiñeiras, Sabela Arán e Isabel Naveira e espérase que, unha vez estreada, pronto se poida visionar a través dunha web que está en proceso de creación.

A serie fai un percorrido pola peripecia de 265-C, que se ergue cada mañá para seguir o plan de actividades que marca a súa axenda, só que ela non lembra o día de onte. Un software implantado no cerebro humano borra a memoria a curto prazo cada noite. «Así as persoas poden desenvolver as súas funcións dentro do sistema na engrenaxe perfecta, sen pensar nin preguntarse. Porén, hai quen sobrevive na marxe. Son excluídxs, habitantes das Estremas. Nómades ancoradxs á tradición que foxen dese control e atesouran os vestixios dun pasado sepultado. Fiz e Lía farán estourar a normalidade ao entrar na vida de 265-C, tratando mediante unha tecnoloxía arcaica de reverter o seu bloqueo e facerlle recordar. Ao tempo, as súas accións son perseguidas por un anónimo inspector do Departamento de Seguridade Global», segundo explican desde a produtora.