O goberno local da Illa pídelles aos nenos e seus pais que queden na casa por «Defuntiños»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

O alcalde fai un chamamento á responsabilidade ante a pandemia, e anuncia a cancelación dos actos de celebración do Samaín

27 oct 2020 . Actualizado a las 17:13 h.

Que o pobo da Illa de Arousa comparte unha marcada identidade propia e intransferible é unha realidade manifesta no seu día a día, pero sobre todo nas súas festas, das que todos os seus veciños participan dunha ou doutra maneira reforzando os seus lazos e consolidando as súas singulares tradicións. Comezando polo San Xulián, seguindo polo Entroido, continuando polo San Ramón e os seus Quintos e o Carmen no medio do verán; e acabando cos Defuntiños, o día máis agardado polos cativos. Un día, o 2 de novembro, no que os nenos e raparigos percorren de mañá as rúas do municipio pedindo, como fixeron xeracións e xeracións de illenses desde non se recorda cando, unha limosniña polos que van aló, recibindo desde chucherías ata boliños de pan ou mesmo latas de conserva coas que enchen as súas mochilas escolares entre os sorrisos dos adultos esmoleiros. Este ano, desgrazadamente, non será así. Ou a lo menos é o que pide o goberno local.

O alcalde da Illa, Carlos Iglesias, vén de facer pública «unha recomendación xeral para que o día de Defuntos non se realicen estas actividades» habituais da tradición local cos nenos e cos raparigos coma protagonistas «aínda que non haxa restricións de circulación polas rúas» no horario do paseo na procura da esmola infantil, «pois nos atopamos de novo en estado de alarma provocado por un empeoramento xeralizado en todo o Estado de contaxios e de defuncións polo coronavirus covid-19».

Consciente da ilusión que para os máis novos do municipio supón a celebración dos Defuntiños, o rexedor salienta que «agora toca pedir o esforzo e sacrificio do tempo de lecer dos máis novos, e a colaboración das nais e dos pais, para reforzar un ben común como é a protección da saúde de todos os veciños e de todas as veciñas». Pola súa banda, o Concello anuncia que «este ano quedan cancelados os actos do Samaín».

Por todo o anterior, e reiterando o seu chamamento á colaboración veciñal, o alcalde da Illa traslada «un agradecemento especial a todas as nenas e a todos os nenos» da localidade.