Javier García: «Hai que incorporar á aula realidades como o TikTok»

Ana Abelenda Vázquez
a. abelenda REDACCIÓN / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

Pedagogo, mestre e coordinador TIC, cre que a parte humana é sempre a máis importante: «A mirada do mestre ten que baixar aos nenos»

04 oct 2020 . Actualizado a las 10:36 h.

Hai algo que non debe faltar nunha aula innovadora, «a mirada do mestre», sorprende o pedagogo da Illa de Arousa Javier García, hoxe profesor e coordinador TIC no CEIP Torre Illa, que foi quen de levar o modelo finlandés ao colexio público de San Miguel de Deiro, en Vilanova. «A tecnoloxía axudounos á transformación metodolóxica deste centro. Abriu un abano de posibilidades», asegura. «A tecnoloxía ofrece unha inmensidade de oportunidades a nivel educativo. A escola debe acompañar á sociedade; e para iso é preciso que dende a escola coñezamos as súas potencialidades e os riscos. Hai que formar ao alumnado no seu uso crítico e responsable», afirma.

-Cal debe ser o criterio no seu uso como ferramenta educativa?

-Hai que respectar unha serie de principios, que eu recollo nun decálogo. Unha das normas deste é que as TIC non teñen a exclusiva, só deben sumar, sumar para entender o mundo que hai aí fóra. O aluminio das rodas dos coches está feito con impresoras 3D, hai que entender como se fai... O alumnado tamén debe ter a oportunidade de usar a tecnoloxía para crear contido propio: unha revista, un vídeo, un xogo, unha aplicación, mapas de xeolocalización... A diferenza é, sobre todo, poder crear, crear coa tecnoloxía, aparte de que exista lapis e papel, ollo.

-É fundamental estar ao día, coñecer as «apps» e as redes que usan os rapaces?

-Nenos de quinto e sexto de primaria están empregando digamos «ilegalmente» redes como TikTok ou Instagram sen formación previa, que creo que a escola ten que incorporar. Na escola debe haber espazos de tempo nos que os nenos teñan a oportunidade de usar esas aplicacións. No eido educativo non se trata de integrar a tecnoloxía per se senón de facelo no acompañamento social que estamos vivindo. Son partidario de que o alumnado coñeza e teña experiencias positivas coa tecnoloxía e que saiba empregalas dun modo responsable. As redes sociais xeran un mundo paralelo nas xeracións máis novas. Se lles ensinamos os seus verdadeiros potenciais e os seus riscos poderemos conformar xeracións de persoas críticas coa información que nelas se ofrece.

-Defende o uso do TikTok?

-Non defendo o uso de TikTok, senón que se incorporen estas realidades á aula, aos proxectos educativos. Pero hai que ter coidado coa apptitis, que eu mesmo tiven, unha enfermidade profesional docente que consiste en facer todo a través de aplicacións informáticas. A parte humana é sempre a máis importante. A mirada do mestre ten que baixar aos nenos. Os docentes debemos devolverlles a mirada aos rapaces. E como di Tonucci, a cidade aos nenos.

«A presencialidade é máis importante que o currículo»

-Que lle ensinou a súa experiencia docente? E a pandemia?

-Que a presencialidade é máis importante que o currículo. Que as cualificacións non definen ao alumnado e non deberan existir en determinadas etapas. Que o acompañamento emocional e as habilidades brandas foron básicas para que os nenos e nenas puidesen seguir o seu proceso educativo dende o fogar. Que as artes son moi importantes. Que a desigualdade social só se compensa con escolas públicas e con apostas claras pola educación pública. Que a excesiva directividade do docente non axuda a aprender. Só a aprobar. Ou que o deseño de proxectos libres onde o alumnado poida dar saída ao seu mundo interior é unha boa ferramenta para axustar a educación aos momentos de non presencialidade.

-Que necesidades ve en dotación tecnolóxica nos colexios de Galicia?

-Moitas. Por exemplo, existen ferramentas que non se poden empregar nos centros por ser consideradas «non libres». Ás veces esa realidade dificulta a integración da tecnoloxía na aula. Os centros deberían ter a suficiente autonomía, sempre baixo o paraugas da esixencia e control público, para decidir a posiblidade de empregar un ou outro modelo de robot, un ou outro software para a edición de vídeo, un ou outro modelo de impresoras 3D...

«A tecnoloxía pode ser compensadora de desigualdades e tamén xeralas»

-O virtual e o humano poden convivir, deben entenderse?

-Si. E a tecnoloxía pode ser compensadora de desigualdades. Cun neno confinado, a tecnoloxía permite que poida facer dende a casa a mesma actividade que se fai na aula. Pero ao tempo que compensa desigualdades tamén as xera. Esta pandemia xerou desigualdades de acceso á educación xustamente por non ter esa tecnoloxía.

-Cales son os retos da transformación dixital dos centros educativos?

-Hai moitos. Aínda é preciso continuar formando ao profesorado. Son partidario da coformación no interior dos centros. Nos centros xa existen persoas formadas neste eido e para min é fundamental o establecemento de espazos e tempos compartidos onde o profesorado poida compartir a súa experiencia na integración tecnolóxica dentro e fóra da aula. A presenza de compañeiros e compañeiras dentro da aula é unha das claves máis importantes para que esa formación se produza dun xeito natural. Pero para iso, evidentemente, é preciso máis tempos e máis recursos persoais.  

-A innovación en educación non pasa só pola tecnoloxía, di. Como innovamos ben, coa máquina ou a aplicación ao servicio da persoa, do pensamento, sen darlle ás costas á vida e á natureza?

-Deixa que os nenos toquen, fagan e falen. Apórtalles formatos para aprender nos que sexan eles os protagonistas. Non esquezas a historia e a formación máis culta das distintas áreas de coñecemento: científica, matemática, literaria…Axuda aos nenos a pensar por si mesmos. Ensina nas habilidades brandas e ten en conta a vertente emocional. Non premies as respostas que esperas, fomenta e premia a diversidade. Deixa facer, con calma… para que saia ben. 

-Como se fai unha boa clase interactiva?

-Hai moitas secuencias didácticas. A min gústame o proxecto libre para solucionar un problema local, design thinking ou «deseñar pensando». Para aprender, os nenos non poden ser só reprodutores dunha información que se transmite no libro (por certo, o libro de Ciencias Naturais de quinto non fala do cambio climático, incrible!). Teñen que ser protagonistas, e usar ferramentas tecnolóxicas non per se, senón as que son necesarias.

Javier García é mestre na Illa de Arousa.