As festas gastronómicas da Illa de Arousa, canceladas

Os catro clubs organizadores e mais o Concello antepoñen a seguridade sanitaria en plena pandemia ao durísimo golpe económico que a medida suporá para as entidades deportivas


Vilagarcía / La Voz

Finalmente, A Illa de Arousa non contará este verán cun dos seus principais ganchos turísticos. O Club Baloncesto Dorna, o Club Piragüismo Illa, o Céltiga Fútbol Club e o Club Ximnasia Rítmica Arousa, como organizadores, xunto co Concello de A Illa de Arousa veñen de anunciar na mañá de hoxe a cancelación das festas gastronómicas que estaba previsto se sucederan durante as sete fins de semana que van do 24 de xullo ao 6 de setembro.

«A situación actual xerada pola pandemia do covid-19, a saúde pública xeral e en particular a seguridade de todos e todas os veciños e veciñas do noso pobo, prevalecen sobre todas as cousas, e os clubs e o Concello tomaron a decisión máis responsable de non realizar as devanditas festas», manifestan as dúas partes no comunicado de prensa conxunto co que fixeron pública a súa decisión.

No mesmo documento lémbrase que «estas celebracións son unha fonte de ingresos para os clubes e moi importantes para o deporte base que se realiza en cada un deles, polo que este ano será previsiblemente moi duro económicamente», de aí que «se quere facer un chamamento a todos os socios e afeccionados para apoiar agora máis que nunca a todos os clubes que forman a masa deportiva de a Illa de Arousa». Non en van, a recadación polas festas gastronómicas leva anos reportándolles ás entidades deportivas arredor da metade dos ingresos anuais que precisan para o desenvolvemento das súas actividades, en especial as de deporte base.

O comunicado conclúe sinalando que «diversas organizacións, como a Confraría de mariñeiros e a Comisión de Festas do Carmen, aplaudiron esta decisión e recoñecen o esforzo que fan as directivas de cada club».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

As festas gastronómicas da Illa de Arousa, canceladas