A rítmica pontevedresa cítase mañá no Torneo Rítmica Arousa I Memorial Rodrigo Vázquez

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

Preto de 400 deportistas de 17 clubs sucederánse sobre os tapices do vilagarcián Pavillón Municipal de Fontecarmoa

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Club Ximnasia Rítmica Arousa da Illa programou para mañá domingo a decimocuarta edición do torneo que leva o seu nome. Unha cita consolidada, que figura entre a decena de competicións oficiais da modalidade de rítmica amparadas pola Federación Galega de Ximnasia máis aló das fases provinciais e dos propios campionatos galegos. Un Torneo Rítmica Arousa dotado este ano dunha enorme carga simbólica e afectiva. E é que o club decidíu que a competición sexa tamén a primeira edición do Memorial Rodrigo Vázquez. Un tributo a quen foi un dos pioneiros da ximnasia rítmica masculina en Galicia, director técnico durante moitos anos do club illense, que o pasado 2 de marzo falecía con tan só 34 anos de idade a raíz dunha enfermidade coa que viña loitando desde o 2016.

O Torneo Rítmica Arousa comezará mañá ás 9.30 nunha xornada matutina que se extenderá ata as 14.30, con 74 exercicios individuais de todas as categorías abrindo o concurso, aos que seguirán outros 37 de conxuntos escolares. Serán 17 clubs da provincia de Pontevedra, incluídos os catro da comarca, nunha lista de participación limitada pola coincidencia esta fin de semana cos provinciais de Lugo e da Coruña. Como colofón, está previsto un breve discurso de varios ex pupilos de Rodrigo Vázquez, e a entrega dun recordo aos seus pais e á súa parella.

Pola tarde, a partir das 17 horas, haberá unha exhibición das escolas do C.X.R. Arousa, do Club Biquiera do Grove e do Agarimo de Marín, que elevarán a preto de 400 as deportistas que pasen ao longo do día polo Pavillón Municipal de Fontecarmoa.