Marcos salva o Céltiga detendo un penalti postremo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

BASILIO BELLO

Nun partido de ocasións moi contadas, Sergio Santos debutou no minuto 20 pola preocupante lesión de Pedro Delgado

30 mar 2019 . Actualizado a las 23:43 h.

A explosión de bos resultados que sacara o Céltiga da zona de descenso tres semanas atrás comeza a consolidar o seu esgotamento. Na tarde do sábado, nun campo do máis esixente, o conxunto que dirixe Javi Rey voltou cun escaso punto na equipaxe. E grazas. Non porque o filial do filial do Deportivo da Coruña fose mellor. Pouco tivo do que presumir o cadro coruñés, tamén en problemas clasificatorios. O equipo da Illa tivo que dar por bo o empate sen goles final ao verse no treito postremo do encontro cun penalti a prol do seu anfitrión. Marcos Bermúdez saíu a salvarlle os mobres ao Céltiga, abortando o disparo desde os once metros de Iago Novo.

Sabía o Céltiga o que ía atopar no Municipal da Laracha. Un terreo de xogo de herba sintética moi deteriorado, perfecto para a práctica dun fútbol directo e de segundas accións, e convertido nun suplicio para os xogadores máis sensibles pola sobrecarga física a estas alturas da tempada.

De feito, Javi Rey tivo que mover o banco cando tan só ían 20 minutos de xogo consumidos. Pedro Delgado pedíulle o troco doorido nun xeonllo. Unha lesión que deixou onte moi preocupados o corpo técnico e mais a directiva do Céltiga, só tres días despois de pechar unha operación entre un millón coa fichaxe de Sergio Santos do Rápido de Bouzas de Segunda B para cubrir a baixa de longa duración do cerebro do equipo, Pablo Pillado.

Sergio Santos foi o home elixido por Javi Rey para suplir a Pedro Delgado. Pero nin a súa calidade bastou para rachar cun encontro plano, extremadamente pechado, sen apenas presenza nas áreas dos xogadores. As mellores ocasións, as do Laracha no primeiro tempo, con algunha intervención de Marcos.

Unha falta botada por Jacobo no segundo tempo con desvío de Santi Canedo a córner foi toda a produción visitante. Por sorte para o Céltiga, Marcos confirmou no penalti a súa condición de mellor xogador do partido.

FICHA:

LARACHA (0): Santi Canedo; Iván, Ramsés, Parga, Antonio, Guedes, Sandá, Antón, Nacho (Adri Castro, min 66), Iago Novo e Boedo (Mosquera, min 79)

CÉLTIGA (0): Marcos; Nico, Lucas, Sebas, Aram, Nico Manteiga, Igor (Álex Fernández, min 67), Pedro Delgado (Sergio, min 20), Edu Otero, Jacobo e Diego Lamas (Javi, min 79)

Árbitro: Alejandro Ferreiro Méndez (Lugo). Amonestou os xogadores visitantes Marcos, Lucas, Sebas, Aram e Edu Otero, ademais de expulsar con vermella directa o seu preparador físico, Héctor Otero (min 89).