Triunfo de alto valor engadido do Céltiga no Barco

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

Álex Fernández puxo o encontro en franquicia para o conxunto illense con dous goles nos minutos 16 e 21

02 mar 2019 . Actualizado a las 22:17 h.

O Céltiga ampliou na tarde do sábado a súa escalada na Liga co seu segundo triunfo consecutivo, a terceira semana en positivo, e a cuarta vitoria nas últimas sete xornadas. Un balance pechado ata agora co 1-2 que os homes de Javi Rey lle endosaron ao que fora o equipo do técnico do Céltiga nas cinco tempadas anteriores. Un C.D. Barco que, mantendo a súa liña dos últimos anos, pasou de ser un firme candidato á promoción de ascenso, a resultar na segunda volta un rival duro, pero asequible para moitos dos demais equipos do grupo galego da Terceira.

A orde marcial disposta sobre o campo cada semana polo Céltiga desde a chegada de Javi Rey ao vestiario do Salvador Otero blindou os dous golpes secos que Álex Fernández transformou nun 0-2 cando tan só ían 21 minutos de partido. Nunha xogada persoal do interior, que se internou por banda para bater no man a man a Kiko no 16, e nunha acción de pillabán nun grave erro na saída do balón da zaga do Barco.

O cadro ourensán tiña o balón, pero o Céltiga contaba co control do partido. E os da Illa non pasaron apuros nin metidos na súa área polo seu rival na segunda parte, co tanto de Diego Tato de centro chut no 61 alimentando en van a esperanza do Barco.

FICHA:

C.D. BARCO (1): Kiko, Diego Tato (Tabala, min 75), Toni, Santi Núñez (Andoni, min 46), Omar Navarro, Rubén García, Ivi Vales, Pablo Rubio, Juanito Bazo, David Álvarez e Íker Revuelta (Jorge Martín, min 80)

CÉLTIGA (2): Marcos, Santi, Manteiga, Sebas, Aram, Pedro Delgado, Pablo Pillado, Álex Fernández (Juanín, min 80), Igor Sevivas (Javi Ben, min 88), Jacobo (Edu Otero, min 69) e Nico

Goles: 0-1, min 16: Álex Fernández. 0-2, min 21: Álex Fernández. 1-2, min 61: Diego Tato.

Árbitro: Gabriel Quintairos (Vigo). Expulsou por dobre amonestación o xogador local Toni (min 86) e o preparador físico do Barco. Sacoulles tamén amarillas a Íker Revuelta, Rubén García; Sebas, Nico, Igor e Juanín.