O lobo mariño «Barizo» recupérase no IGAFA da Illa

La Voz A ILLA

A ILLA DE AROUSA

Cedida

O animal apareceu varado nas costas de Malpica

07 feb 2019 . Actualizado a las 15:05 h.

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) situado na Illa acolle á cría de lobo mariño cinsento «Barizo» para a súa recuperación. Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2003 a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), para a recuperación dos mamíferos mariños que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.

O animal, de 110 centímetros de lonxitude e de 23 quilos de peso, apareceu varado nas costas de Malpica o pasado 6 de xaneiro e foi trasladado á uci de lobos mariños do establecemento veterinario do CEMMA, en Nigrán, tras comprobar que presentaba síntomas de desnutrición e afección respiratoria. Tras unha evolución favorable, mellorar o seu estado e comezar a alimentarse por si mesmo, foi trasladado ao IGAFA para continuar a súa recuperación.

A cría de lobo mariño permanecerá entre tres e catro semanas nun tanque exterior de gran tamaño do IGAFA e logo será embarcada para ser liberada en augas do Gran Sol. A manutención e a atención sanitaria do mamífero corresponderalle ao CEMMA, contando coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do centro. Ademais, aproveitarase a estadía da cría de lobo mariño para formar aos estudantes en aspectos relacionados co

coidado dos mamíferos mariños. O alumnado recibiu xa unha charla por parte do CEMMA. Ademais, durante a estadía de Barizo, no centro haberá unha exposición sobre os mamíferos mariños en Galicia.

Cabe lembrar que o IGAFA xa ten participado na recuperación de oito exemplares de crías de lobos mariños nos anos 2013, 2014, 2016, 2017 e 2018. «Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental e de adquisición de coñecementos para o mantemento e a recuperación de especies mariñas», segundo informa a consellería.