A voz de Uxía convértese nun presente de Nadal na Illa de Arousa

A cantante actuará este sábado no auditorio dunha vila pola que sinte certa predilección


Sábado 29 • 21 horas • Entrada anticipada, 12 euros; na billeteira, 14 euros • Uxía non é da Arousa, pero como se o fóra. A artista, unha das voces máis recoñecidas e queridas de aquí e de acolá, actuará o vindiero sábado no auditorio da Illa. Din os organizadores, e non lles falta razón, que unhas entradas para este concerto poden ser un excelente presente de Nadal para aqueles que aman a música. Ou para nós mesmos, no caso de que formemos parte desa familia. 

Desta volta, ven Uxía ata a Arousa, a súa Arousa, cargada cos versos de Uxío Novoneyra. «Uxía-o» é o título do traballo arredor do que xirará esta actuación. Trátase dun disco elaborado lentamente, como todo o bo. Plantouse a súa semente hai ben de anos, alá polo 2013, arredor unha das mesas do restaurante Dezaseis de Compostela. E a obra foise facendo paseniño, ao seu ritmo, mesturando música e literatura. Dúas caras dunha mesma moeda. Dúas irmáns que, quizabes, non deberan terse separado nunca.

Uxía colle aquí os versos «dun dos mellores poetas do século XX, e non só da literatura galega», segundo ela mesma dixo no seu día. E deulles ritmo de muiñeira, pero tamén de jazz e de ragtime. Esa é unha das cousas que mellor fai esta muller, mesturar o que parece que nunca estivo unido.

Os que queiran coñecer de primeira man o resultado do seu esforzo non teñen máis que achegarse ao auditorio da Illa este sábado. Dese xeito, ademais de gozar coa voz de Uxía, poderán participar no derradeiro dos concertos programados polo Concello para a celebración dos actos do décimo aniversario dun edificio cultural que enriqueceu a vida da Illa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A voz de Uxía convértese nun presente de Nadal na Illa de Arousa