A Xunta proponlle A Illa un convenio para o mantemento das rotondas

La Voz A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

Acometerá tarefas de limpeza e mellorará a iluminación

14 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde da Illa, Carlos Iglesias, mantivo onte unha reunión co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, na que se abordaron distintas cuestións en materia de infraestruturas. Cores Tourís informou de que estase estudando acometer melloras nas tres glorietas de entrada ao pobo, que pasarían pola instalación de maior iluminación na segunda delas, así como a limpeza das mesmas, e propúxolle ao alcalde que ambas administracións firmen un convenio co obxectivo de que o mantemento das rotondas sexa responsabilidade municipal.

O rexedor tamén solicitou que se leve a cabo a limpeza do carril bici e das xuntas da ponte para retirar as herbas que crecen nestes puntos.

Educación

Na reunión participou o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, con quen se analizou a solicitude do Concello de desafectar as dez vivendas de mestres do colexio Torre-Illa, co obxectivo de que sexan derrubadas e se poida ampliar o patio educativo. Neste contexto, Pérez Ares recordoulle ao alcalde que a xefatura territorial investiu nas últimas semanas case dez mil euros para reparar e cambiar as lousas da fachada do colexio que presentaban danos e problemas.

«O acordo foi continuar a traballar de xeito conxunto de cara a que a Xunta se faga cargo do cambio das fiestras do edificio de Educación Infantil para mellorar a eficiencia enerxética, mentres o Concello asume outras obras demandadas pola comunidade educativa», segundo informa a xefatura territorial da Xunta en Pontevedra.