A Illa devólvelle a súa mostra de cariño ao Gato de Catoira

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

Mónica Irago

Un grupo de catro fans preadolescentes agasallan a Sergio Álvarez cunha chaqueta para a súa nena recén nacida na súa visita de cortesía á Peña Carcamáns polo seu vixésimo aniversario

17 nov 2018 . Actualizado a las 22:41 h.

Sergio Álvarez, O Gato de Catoira, ofreceu na tarde do sábado unha nova mostra da calidade humana dun deportista de elite cos pés no chan. Co resto dos seus compañeiros non internacionais gozando de tres días de permiso do club, o porteiro do Celta respostaba onte a título persoal á petición da Peña Carcamáns para regalarlles ás nenas e aos nenos da Illa e da contorna un par de horas cun dos seus ídolos no peche dos actos de conmemoración do vixésimo aniversario da peña celtista máis numerosa. 

A visita de Sergio encheu o salón de plenos do consistorio da Illa cuns 200 rapaces, que puideron levar unha foto autografada do cancerbeiro, que estampou tamén a súa sinatura en cantas camisetas e balóns se lle levaron sen perder nin un intre o seu perenne sorriso. Unha mostra de cariño pola afección que catro rapazas fans duns 10-12 anos recompensaron regalándolle unhas postais e unha chaqueta para a súa nena recén nacida. Foi o perfecto prólogo para a posterior cea de aniversario dos Carcamáns, o reflexo do espírito dun colectivo exemplar.