Céltiga e Ribadumia enfróntanse hoxe irmanados pola necesidade

A ILLA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O cadro local está obrigado a consolidar o Salvador Otero coma un fortín fronte a un veciño moi tocado a nivel deportivo, pero tamén anímico

17 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Céltiga e Ribadumia abren esta tarde (Salvador Otero, 16.30 horas) a decimoterceira xornada da Liga de Terceira División. Un derbi de urxencias para dous equipos empatados a 14 puntos na zona media-baixa da clasificación, inda que por causas e por circunstancias diferentes que fan quizais do visitante o conxunto con máis que perder no caso de rematar o choque cun novo resultado en negativo.

E é que o cadro que dirixe o vilanovés Luis Carro entrou nunha espiral que ameaza con converterse en caída en barrena, logo de encadear catro derrotas consecutivas tras un empate. Lonxe queda aquela quinta praza na táboa ao termo da quinta xornada despois de enlazar tres vitorias, orixe dunha serie de 12 puntos sumados de 15 en xogo antes de entrar na súa actual situación.

Claro que o máis preocupante do momento do Ribadumia son as sensacións e a imaxe de colectivo roto sobre o campo que ofreceu nas súas dúas últimas comparecencias ligueiras, nas que encaixou unha decena de goles. Un 5-0 a mans do Ourense C.F., e o 2-5 do domingo pasado na Senra a mans do filial do Lugo, o Polvorín. Este último partido, co grave prexuízo engadido para o grupo de Luis Carro de rematar coa grave lesión de xeonllo que puxo fin á tempada de Fran Matos, un dos homes clave no xogo aurinegro, líder do seu equipo dentro e fóra do campo, e nun excepcional estado de forma desde o seu regreso ao vestiario da Senra tras dúas tempadas no Arousa en funcións de lateral dereito.

Co inédito Eloy e Teti tamén k.o., Luis Carro manexaba onte as dúbidas de Santi e do capitán Miguel, na zaga, e de Fran Fandiño, que tras regresar hai dúas semanas aparentemente recuperados dunha rotura nos isquiotibiais, corre o risco de recaída atendendo ás molestias que leva sufrindo na mesma zona. A volta de Aarón Paredes, tras cumprir o seu partido de sanción a semana pasada, é a única boa nova para o técnico vilanovés.

Así as cousas, Luis Carro recoñecía onte que «foi unha semana dura». Mais agora só toca centrarse nun derbi que «a todos nos gusta xogar» cuxo valor extradeportivo queda anulado desta volta para o Ribadumia porque, di, «dada a nosa situación, danos igual o campo, e o rival». Sobre o este, o técnico aurinegro salienta como «se repuxo bastante de todas as dificultades que lle xurdiron na confección do equipo, conxuntando un once de moi bo nivel. É un equipo moi intenso e agresivo, e o Salvador Otero dálle ese plus de agresividade ao xogador local».

Sen Aram nin Jacobo, sancionados, Manolo Núñez contará con moita probabilidade con Toño na portería toda vez que Marcos, o gardamallas titular do Céltiga, non remata de recuperarse das molestias nun aductor que xa lle impediron xogar seis días atrás no campo do Racing Vilalbés. O 2-0 encaixado do ata ese día pechacancelas da Liga chegou unha xornada despois da derrota na Illa co Laracha por 0-2, precedida á súa vez dun empate a uns no campo do Arenteiro. De aí que o Céltiga precise volver a sumar de 3.

Aproveitar o momento delicado

Preguntado polo rival, o adestrador do Céltiga sinala que «collemos o Ribadumia nun momento súper delicado, que ninguén esperaba». E é que Manolo Núñez ten claro que o da Senra é un dos proxectos máis coherentes e sólidos de cantos se construíron no grupo galego da Terceira División o pasado verán: «Tivo a sorte de fichar xogadores que verdadeiramente encaixaban nese modelo de xogo consolidado que ten o Ribadumia, experimentados, pechando o equipo moi pronto, con moitos futbolistas entre os que elixir». E engade, «seguro que irá para arriba na clasificación. Pero a partir do domingo. Mañá -por hoxe- tócanos gañar a nós».

E isto último, por tres bos motivos, sinala Núñez. Porque «os dous últimos anos o Ribadumia sempre foi o vencedor do derbi», lembra. Por conseguir comezar a facer forte o Céltiga no Salvador Otero, no que só gañou dous partidos de Liga esta tempada, perdendo os catro restantes, se ben con rivais potentes. E por «darlle unha moi boa alegría á afección» da Illa, resultando o Ribadumia «un rival perfecto».

Fronte á mala situación que atravesa o Ribadumia, o adestrador do equipo rival contrapón que «nós tampouco estamos nun bo momento». Unha análise que trae ao seu discurso o recordo de quen no seu día fora o seu pupilo no vestiario do Céltiga, Fran Matos. «O Ribadumia vén de perder a un excelente xogador, e mellor persoa», declara Manolo Núñez, que lamenta que «isto lle soe pasar sempre aos mellores».

Con todos os datos da análise previa sobre a mesa, o técnico do conxunto illense aventura «un partido tremendamente competitivo e aberto». Sen Aram, sen Jacobo, e con Marcos presumiblemente ocupando o posto de porteiro suplente para tirar del tan só nun caso de emerxencia, Núñez ten na volta de Capi, sancionado a semana anterior, a único haber en materia de recursos humanos, dispoñendo dos 16 homes xustos para cubrir a súa convocatoria sen ter que botar man dos xuvenís.

«Quen sexa quen de impoñer a maior parte do tempo o seu plan de partido, vai ter moito camiño andado», di pola súa banda Luis Carro. O adestrador do Ribadumia refírese sen explicitalo a dous modelos de fútbol tan diferentes como o dun Céltiga que aposta pola súa seguridade defensiva como palanca de lanzamento cara a portería rival e o fútbol combinativo e a posesión do balón como dique de contención e arma de ataque a un tempo do cadro aurinegro.

Dedicarlle a vitoria a Matos

Luis Carro considera inxusta a xeira que vive o seu equipo «tal como traballamos». Por iso, e pensando en poder «dedicarlle a Fran Matos a vitoria», resulta para o Ribadumia máis importante inda o que aconteza hoxe na Illa.