Céltiga e Ribadumia confrontarán as súas urxencias este sábado na Illa

O equipo insular encadea dúas derrotas, a metade das do seu veciño e vindeiro rival


Así como a sobresaínte imaxe ofrecida polo Arousa na segunda parte do seu duelo no Barco axudou a darlle unha puntada máis ao seu traxe de candidato á fase de ascenso pese á súa derrota final, os novos tropezos do Céltiga e, sobre todo, do Ribadumia, elevan o grao de alerta nos seus correspondentes vestiarios ante o derbi que, en xornada adiantada ao sábado ás 16.30 horas, medirá os seus niveis de ansiedade na Illa.

Especialmente preocupante é o que se está a vivir nas filas do Ribadumia. Un colectivo que ao termo da oitava xornada apuntaba maneiras de equipo revelación, sexto clasificado con 14 puntos, a 3 da zona de promoción, é hoxe duodécimo co mesmo botín, logo de sufrir catro derrotas consecutivas. Pola mínima, e dentro da lóxica matemática, co líder Bergantiños (1-0) e co Somozas (0-1), pero fóra de calquera normalidade, as manciñas encaixadas dun Ourense C. F. (5-0) e dun Polvorín (2-5) que deixan tocado o cadro de persoal da Senra.

O seu adestrador, Luis Carro, evitaba onte buscar escusas, poñendo o seu esforzo nun labor realmente produtivo. O de procurar porqués que sirvan de panca de cambio ante a situación: «Perdemos calidade e atrevemento co balón, e parte do noso traballo defensivo consiste en ter o maior tempo o balón. Iso sumado a que estamos a cometer erros individuais puntuais» explicaría o momento do Ribadumia e o camiño da solución máis aló das baixas por lesión, que o domingo engadiron o nome de Fran Matos, cunha aparente escordadura de xeonllo.

Jacobo, expulsado, e Aram, por acumulación de tarxetas, son as baixas confirmadas xa para este sábado nun Céltiga que encadeou a súa segunda derrota. Claro que no seu caso, cun Laracha en ascenso (0-2) e cun Racing Vilalbés (2-0) que explotou a autoexpulsión (Manolo Núñez dixit) de Jacobo cun 1-0 no marcador.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Céltiga e Ribadumia confrontarán as súas urxencias este sábado na Illa