O Céltiga recibe a un Laracha que se vén de sumar á pelexa polos postos de honra

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Se non tivera tido un inicio tan malo, estaría entre os catro primeiros clasificados; é un rival a ter moi en conta, mesmo para estar entre os mellores», di Manolo Núñez

04 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Filial do filial do Deportivo da Coruña. O Laracha esperta esta tarde na Illa (Salvador Otero, 16.30 horas) o maior dos respectos nas filas do Céltiga. O cadro que dirixe Manolo Núñez agarda a visita dun rival que tras arrincar con dúas derrotas a Liga, 0-1 ante o potente Barco e 2-1 en Boiro, amosou unha extraordinaria capacidade de acoplamento, con balance de cinco triunfos, de dous empates e dunha única derrota nas últimas xornadas de Liga. 

Da man do experimentado e reputado técnico betanceiro Óscar Gilsanz, o Laracha presenta hoxe unha identidade definida que amalgama a mocidade dos oito futbolistas procedentes da División de Honra Xuvenil, sete deles do Dépor, coa veteranía e a calidade contrastada de nomes ben recoñecidos na Terceira coma Antonio, incorporado do Racing Vilalbés, Javi Angeriz, Souto ou Nacho, procedente do Bergantiños. Un cóctel só posible polo convenio de filialidade co club herculino, e que lle permitíu ao Laracha reunir un potente cadro de xogadores pese a non saber ata finais do mes de xuño que ía volver competir na Terceira, salvado pola desaparición do Cerceda.

«Se non tivera tido un inicio tan malo, estaría entre os catro primeiros clasificados; é un rival a ter moi en conta, mesmo para estar entre os mellore, comentaba na véspera Manolo Núñez. O Laracha é hoxe sétimo con 17 puntos, tres máis có seu anfitrión esta tarde, e a só dous do cuarto, a U.D. Ourense.

O técnico do Céltiga salienta que, da man de Óscar Gilsanz, o Laracha «manexa bastantes rexistros diferentes», o que dificulta a empresa dun cadro illense que recupera o seu mellor xogador de ataque, Álex Fernández, ausente a semana anterior por sanción.