O plan C do Céltiga avanza con forza impulsado por principiantes

Co debú de Javi Ben o pasado domingo xa son dez os futbolistas que debutaron na Terceira esta tempada no equipo da Illa


O pasado domingo Manolo Núñez sorprendía a propios e a estraños no seu once titular coa entrada de Javi Ben. O dianteiro centro vigués xogou fronte ao Arenteiro os seus primeiros 75 minutos oficiais como xogador dun Céltiga ao que chegaba o 1 de outubro con 19 anos procedente do Mondariz da Preferente Galicia, conxunto no que iniciara a súa primeira tempada sénior tras completar a súa etapa de formación no Celta de División de Honra Xuvenil. A excepción na maioría dos equipos da Liga é, pola contra, a regra na versión 2018/19 do cadro da Illa, que con Javi Ben xa suma dez futbolistas debutando na Terceira División desde o inicio do campionato, o 26 de agosto. Unha aposta que a día de hoxe sitúa o Céltiga décimo na clasificación con 14 puntos, logo de sumar 10 dos últimos 15 en xogo.

«O plan A fallounos en moitos casos, e tivemos que recorrer ao plan B e ao C» ante a competencia, fundamentalmente, do Rápido de Bouzas e do Coruxo de Segunda División B, e mais do Arousa á hora de captar os mellores futbolistas pontevedreses no mercado do fútbol semiprofesional. Así se manifestaba tres días antes do debú ligueiro Manolo Núñez nunha entrevista a La Voz de Galicia. Dous meses despois só queda falar do a día de hoxe notable rendemento obtido dun plan C que, por fortuna para o Céltiga, está a impulsar con forza o equipo unha vez o B desapareceu da pizarra do técnico ourensán sen deixar practicamente rastro.

Ata sete futbolistas estranxeiros chegou manexar Manolo Nuñez na pretempada como alternativa á longa sucesión de nons recibidos de tantos xogadores de garantía no mercado provincial. O interior esquerdo danés Yroen e o mediocentro luso Mateus nin sequera superaron o período a proba. O do mediapunta xaponés Tomi foi un paso fugaz, ao non poder determinar o técnico do cadro arousán o seu nivel ao rachar fibras nun amigable co Unión Grove na primeira semana de agosto. E a mediados de setembro o punta holandés con orixes angoleñas Orlando abandonaba o club de mutuo acordo para volver á súa residencia en Inglaterra por razóns familiares, só uns días despois de que Núñez apartase do equipo os dianteiros portugueses Mario Jardel e Canhoto, despedidos pouco máis tarde por faltar a dous adestramentos sen permiso -Orlando e Jardel foron baixa sen ter debutado sequera por cadansúa lesións de pretempada-. Só o lateral esquerdo Arinse segue no vestiario do Salvador Otero, pero tras partir como firme titular, non foi quen de recuperar o seu posto no once despois de que Cantero, un dos dez debutantes este ano na Terceira nas filas do Céltiga, lle gañase a praza aproveitando a oportunidade que unha lesión menor do británico lle proporcionou na sexta xornada de Liga, no campo do Porriño Industrial.

Toño, na portería, Santi e o mencionado Cantero na defensa, Jimmy no centro do campo, e na zona de ataque Nathan, Álex Fernández, Juanín, Javi Ben, David e Álex Otero, son os dez homes aos que Núñez lles deu a oportunidade de xogar os seus primeiros minutos na Terceira desde o 26 de agosto. Os dous últimos son inda xuvenís, con David incorporado no verán como un máis do primeiro plantel; e con Javi Ben e con Álex Fernández (Celta), con Santi (Pontevedra), con Jimmy e con Nathan (Lugo) xogando a tempada pasada o seu derradeiro curso na División de Honra Xuvenil, e chegando ao equipo coa pretempada case rematada, e algún coa Liga xa en marcha.

23 anos de idade media

Con Santi, con Cantero, con Jimmy e con Álex Fernández consolidados no equipo titular, e con Nathan asiduo no once de saída, Manolo Núñez declárase «tremendamente satisfeito do grupo que demos confeccionado, coa idade media, 23 anos, se non a máis baixa da Liga, moi semellante á do Polvorín e á do Laracha, filiais do Lugo e do Dépor. Temos un moi bo ambiente, e xogadores con ganas de facer cousas», salienta o técnico, esperanzado co potencial que manexa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O plan C do Céltiga avanza con forza impulsado por principiantes