Núñez repite convocatoria ante o Choco para empezar a facerse forte na casa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

OSCAR VíFER

O técnico do Céltiga pretende amplificar o efecto do triunfo en Boiro ante un rival da súa Liga

21 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Vén o Céltiga dunha «semana moi boa de traballo», salientaba o seu adestrador na véspera do partido desta tarde fronte ao Choco no Salvador Otero (17.30 horas). E é que o bo ambiente habitual que, sinala Manolo Núñez, impera no día a día do seu equipo, elevouse un punto nos últimos adestramentos tras o triunfo do pasado domingo en Boiro (1-2). «Gañar sempre é bo, mellora todo», di. E facelo hoxe multiplicaría o plus anímico proporcionado ao cadro illense máis aló dos 3 puntos en xogo. 

E iso porque, como recoñece Manolo Núñez, «sabemos que a nosa materia pendente é puntuar na casa. No Salvador Otero non estamos á altura do que se agarda de nós». E iso é algo que o Céltiga pretende comezar a mudar desde hoxe mesmo, axudado pola entidade do rival. 

As derrotas fronte aos cocos

O técnico local lembra que tras o pobre balance na casa do Céltiga hai que sinalar o nivel dos rivais que obtiveron os 3 puntos en xogo nos outros tantos últimos partidos oficiais disputados no Salvador Otero. Así, tras a feliz estrea do cadro arousán cun 2-1 sobre o recentemente ascendido Paiosaco, os de Manolo Núñez caeron sucesivamente co Arousa (0-2), coa U. D. Ourense (0-1) e co C. D. Barco (0-2); isto é, con tres dos catro primeiros clasificados. O Choco, pola contra, «é un rival da nosa Liga», comenta o técnico. Décimo terceiro na clasificación con 8 puntos, figura dous postos e outros tantos puntos por debaixo do seu anfitrión e, ademais, chega cun pleno de derrotas nas súas catro saídas precedentes esta tempada.

Co cadro de xogadores ao completo, Manolo Núñez deixa constancia da súa satisfacción co rendemento do equipo a semana pasada en Boiro repetindo a convocatoria de 16 homes que fixo para o desprazamento a Barraña. Isto é, todos os seus efectivos agás Arinse, Cano e David.