Dous partidos de sanción a Núñez, que cualifica de «inxusta» a súa expulsión

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O técnico do Céltiga sostén que «non houbo motivo para a tarxeta».

11 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Xuíz Único de Competición do grupo galego da Terceira vén de sancionar con dous partidos de suspensión o adestrador do Céltiga, Manolo Núñez, a raíz da súa expulsión no treito final do encontro que o pasado domingo enfrontou o seu equipo co Barco no Salvador Otero. Un castigo que, se explica no listado de sancións semanal, vén por «protestar al árbitro principal, a los asistentes o al cuarto árbitro».

Núñez, que deberá seguir desde a grada o encontro deste domingo no campo do Boiro e o que dúas semanas despois disputará na Illa o Céltiga fronte ao Choco, comentaba onte ao respecto que «me parece totalmente inxusto». E iso, porque «non houbo motivo para a tarxeta», sostén. A expulsión veu «na falta que lle fan a Álex Fernández a carón do noso banquiño. Pítana, sácanlle tarxeta a quen lla fixo, a Álex e mais a Aram. Díxenlle ao asistente ‘Nós sufrimos a falta, e recibimos dúas tarxestas’». Acto seguido, veu a vermella.

O técnico conta que o colexiado lle explicou que a tarxeta viña «porque non era a segunda nin a terceira que lle dixera. E como non lle vou dicir ao asistente», conta Núñez, «se no minuto 20 o derribo de Omar a Cano fóra da área era expulsión». Dicir, subliña, sen o menor menosprezo, de aí que entenda que «non houbo motivo para a tarxeta».