O debutante de 16 e o seu orgulloso pai anunciándoo por megafonía

A ILLA DE AROUSA

MONICA

Unha carambola fixo que o mediapunta xuvenil do Céltiga Álex Otero entrase no seu primeiro partido en Terceira co seu proxenitor, Moncho Otero, de «speaker» accidental

27 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o minuto 84 de partido entre o Céltiga e a U.D. Ourense o pasado domingo no Salvador Otero. O visitante Alfredo, no 78, acababa de materializar en tres puntos a ducia de disparos entre os tres paus do seu equipo na segunda metade cun inapelable testarazo. O cansazo de Nathan obrigoulle ao técnico local, Manolo Núñez, a mirar o banquiño, e darlle entrada ao terceiro dos catro xogadores xuvenís de refresco dos que tivera que tirar nunha semana complicada polas lesións, sancións, permisos, tránsfers internacionais que non chegaban, e os expedientados Mario Jardel e Canhoto. Con David Quintela en acción desde o minuto 30 polo mancado Arinse, e con Jónathan relevando no 57 a un tocado Cano, chegoulle a quenda a Álex Otero Cores (A Illa 25/II/2002).

Foi o debú do mediapunta canteirán, inda xuvenil de primeiro ano, na Terceira con 16 anos. Un feito cando menos infrecuente no Céltiga, e que entrou no capítulo de curiosidades dos anais do club por vir acompañado dunha circunstancia excepcional. E é que a casualidade quixo que fose o pai de Álex Otero, Moncho Otero Leiro, quen se ocupara ese día da megafonía do Salvador Otero e cantase a entrada no campo do seu fillo, como antes o fixera con cada un dos outros 27 futbolistas con participación no encontro da quinta xornada de Liga.

Todo comezou «dúas ou tres semanas antes», conta Moncho. Tras cinco anos compaxinando con outro directivo o labor da megafonía do campo en cada partido do Céltiga, o desde esta tempada simple colaborador do club levaba dous anos sen ocuparse do tema. Ata que o actual encargado do asunto, Manolo Cartarola, «díxome se me importaba ocuparme eu no partido coa U.D. Ourense, porque el ía ir entón de vacacións a Canarias», recorda o pai. Nin por un asomo imaxinaba a alegría que o favor lle ía reportar.

A historia continúa dúas ou tres semanas despois, na tarde do pasado venres. «O meu adestrador no equipo xuvenil -de Liga Provincial-, Carlos Rodríguez, díxome se podía ir adestrar co primeiro plantel esa noite», e Álex, lembra, contestoulle «si, encantado». Tras reaparecer hai tres semanas logo de case unha tempada parado por unha rotura nos isquiotibiais, cal foi a súa sorpresa que ao rematar a sesión «Harry, o delegado do equipo, díxome que entraba na convocatoria» de Núñez.

Inda que «algunha volta á cabeza lle din», o xuvenil di ter estado bastante tranquilo ata a súa última gran sorpresa. «Cando comecei quentar non o tiña moi claro. Cando vin a Nathan tocado, empecei a pensar que podía entrar. E en cinco minutos o preparador físico díxome ‘Vaite correndo para alí -a metade da banda-, que vas entrar’». Foi entón cando «me puxen algo nervioso, sobre todo porque vin a grada encendida, e non estou acostumado a xogar partidos así».

 

Poñendo a familia por diante

Foi entón cando Moncho fixo o que nin imaxinara ía poder facer. Anunciar micro en man o debú do seu fillo na Terceira División e co equipo do seu pobo ante moitos dos seus veciños. E o certo é que o pai o vivíu con máis tensión có rapaz. «Un chisco antes entrara no campo o último xogador do Ourense, pero como vin que ía saír meu fillo, e tiña medo de poñerme nervioso, agardei a dar o nome de Álex primeiro, e o do Ourense despois», explica Moncho, que recibíu con exquisita deportividade as brincadeiras de parte do público. «Catro ou cinco gritáronme ‘¡Di o meu fillo!’», recorda.

Superada a última sorpresa, Moncho confesa ter vivido «nervioso» os dez escasos minutos de partido de Álex, a quen, afirma, «sempre vexo ben» en calquera partido. O xuvenil é sincero: «No campo non toquei moito o balón. Saín a non facelo mal, e non fallei». Con 16 anos, consciente do difícil que é para un canteirán do Céltiga chegar ao primeiro plantel, co equipo xuvenil nunha categoría tan modesta como a Provincial, Álex declara que a experiencia, «xogar con xente que mesmo estivo na 2.ªB, foi algo moi especial. Vou tentar dalo todo para poder repetir».