Paseos ilustrados e música ao solpor

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

Os «refuxiados de Vilagarcía» Carlos Blanco e Manuel Seixas, xunto a outros artistas da Arousa e de fóra, participan neste ciclo

23 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

28, 29 e 30 de agosto • A Illa de Arousa • Entrada libre • O ano pasado ata os golfiños se achegaron aos cons da Illa ao son da música. Xa sería moita sorte que volveran a asomar por alí. Oxalá. O que non vai faltar é Carlos Blanco, que repite nesta actividade tan especial que organizan desde hai tres anos na Arousa.

Hai contadas, pero non é un contacontos ao uso; hai música, pero non é un concerto como outros tantos. É «Cultura nos Cons», unha proposta que permite gozar da palabra, das voces e dos acordes en plena natureza e rodeados dunha paisaxe privilexiada.

Carlos Blanco, un deses «refuxiados de Vilagarcía na Illa», que diría Manuel Seixas,

irá de Ruada polos cons o martes 28 ás 20.30 horas. Partirá do Con do Navío na compaña do narrador Celso San Martín e o grupo de música tradicional Dorna, e por alí fará un «paseo ilustrado» á luz do solpor.

O día seguinte, ás 21.30 horas no Portiño, será a queda de Pablo Novoa e Condenados, unha banda improvisada para a ocasión formada por Seixas, Xurxo Romero, Santi Frutos, Alberto Rial e Adrián Charlín, que agasallará aos presentes con algúns dos clásicos de Korosi Dansas, esta vez, sin Josito Porto. O xoves ás 21 horas no Con do Forno soarán as guitarras e os acordeóns do grupo local Pentamorión e actuará Sonia Lebedynski.

Hai máis nomes propios que fan posible esta iniciativa: Luis Davila deseñou o cartel, Dani Juncal encárgase da iluminación e Xurxo Romero asina a exposición que se poderá contemplar o mércores no Portiño.

Algúns dos artistas estiveron onte no acto de presentación que se celebrou no Concello da Illa e todos coincidiron á hora de destacar a singularidade e beleza dunha aposta que capta «a marabillosa harmonía, a cultura, a paisaxe e a vida da Illa», segundo subliñou Seixas. Un paraíso para os sentidos do que esta illa situada no corazón da ría incluso presume en Fitur. «Cultura nos Cons» chegou este ano á feira de turismo de Madrid, e todo apunta a que lle quedan moitos camiños por diante.